Birdmind é unha empresa dedicada á innovación e desenvolvemento de novos materiais que achegan valor ao mundo da decoración, o interiorismo e o sector contract.

Hoxe falamos con David Camba, CEO da compañía, que destaca: “O noso compromiso baséase en fabricar produtos que contribúan a un mundo máis sostible e circular, facilitando proxectos únicos e cheos de personalidade. Innovamos para inspirar“. Ademais de só utilizar materias primas procedentes dos residuos da produción do sector agrícola, “en cada un dos nosos taboleiros achegamos todo o material reciclado resultante dos nosos procesos internos de fabricación e procesado dos nosos taboleiros, con isto conseguimos pechar o círculo e ser unha empresa de residuo cero”, destaca Camba.
- Como xorde Birdmind?
Birdmind xorde da idea de desenvolver un novo material para a fabricación de mobiliario revalorizando subproductos derivados da agricultura, evitando así calquera proceso de deforestación.
- Birdmind é un exemplo de economía circular e sostibilidade. Podería explicarnos como son os procesos de clasificación e transformación das cascarillas de arroz para a elaboración dos seus taboleiros?
España produce o 30% de arroz de toda a UE, e esta produción xera miles de toneladas de subproductos como a cascarilla de arroz. En Birdmind desenvolvemos unha liña de produción totalmente automatizada alimentada por enerxías 100% renovables. Mediante un proceso de presión e temperatura, compactamos a cascarilla de arroz transformando este residuo no noso taboleiro RiceTab.
- Ademais das cascarillas de arroz, que outros materiais utilizan ou teñen previsto utilizar?
Desenvolvemos xa taboleiros con outras materias primas como cascas de avea, espelta, pipas, poda de vides, bagazo de cervexa, cuncha de mexillón ou fibras téxtiles…
A innovación está no ADN da empresa e unha elevada porcentaxe dos nosos recursos están destinados ao noso laboratorio de innovación, investigación e desenvolvemento onde de maneira continua, está a traballarse en novas liñas de produto.
O laboratorio é un servizo en si mesmo como centro de investigación para outras industrias que ofrece resolver e dar unha nova vida aos residuos.
- Que vantaxes ofrece o taboleiro RiceTab fronte a outros do mercado?
As vantaxes mais significativas é que conseguimos recentemente a maior certificación de ignífugo para taboleiros (Bs1d0), somos hidrófugos, libres de formaldehído e antifúngicos, todo nun mesmo taboleiro.
É un produto libre de calquera proceso de deforestación e cunha pegada hídrica cero.
- Con que tipo de clientes adoitan traballar?
O noso principal cliente son as empresas relacionadas co contract, estudos de arquitectura, decoradores, firmas de retail, cadeas hostaleiras e fabricantes de mobiliario.
- Cales son os principais obxectivos e desafíos da compañía?
O noso principal obxectivo é converternos nun referente europeo de economía circular.
O desafío é poder reciclar e transformar o maior número de toneladas de desperdicios posibles e xerar un forte impacto ambiental positivo.
- Como entidade asociada a Viratec, que lles achega formar parte da Clúster? E en que tipo de iniciativas promovidas desde o Clúster podería colaborar Birdmind?
Viratec achéganos a posibilidade de coñecer a outras empresas cuns valores parecidos aos nosos e crea un espazo onde poden xurdir sinerxias moi interesantes. Ademais de estar ao tanto das normativas ambientais e das últimas noticias e tendencias en sostibilidade e circularidade.
Birdmind está aberto a colaborar en todas as iniciativas do Clúster.