Viratec e Bioga, en colaboración co Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), celebraron esta mañá un obradoiro centrado na bioeconomía circular, no Biopolo Sionlla. Un punto de encontro entre os dous clústeres para compartir experiencias e futuros proxectos.
O director da área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo Rey, na apertura da xornada, destacou o valor de realizar estes talleres tanto para a industria como para a sociedade; mentres que a xerente de Viratec, Ana Botas Cal, remarcou a importancia das sinerxias entre as agrupacións industriais e o apoio do Igape para levar a cabo estes talleres.
Ao longo da xornada tivemos o pracer de contar con profesionais da materia. María García Alegre (Corporación Tecnolóxica de Andalucía) presentou a súa entidade e explicou distintos instrumentos de apoio a proxectos de bioeconomía circular. Pola súa banda, Óscar Brandón (ITG Technology Center) presentou o proxecto Horizonte Europa BIOMAT (BIOMAT Project), no que participa este centro tecnolóxico. Katia Pérez López e Andrés Gilsanz Márquez (Science & Innovation Link Office (SILO)) fixeron un repaso sobre Compra Pública Innovadora e as oportunidades para as empresas neste campo. Ademais, realizouse unha mesa redonda para abordar a nova directiva sobre sostibilidade. Nela participaron: Pepe Coello (AENOR), Pío Iglesias Estévez (airCO2), Eduardo Seisdedos Arribas (Cuatrotercios Sustentabilidade Estratéxica), Marisol Fernández Gutiérrez (Galaica) e Rodrigo López Piquin (Permae). Coincidiron en que a medida de impacto dos procesos e a transparencia na información ambiental das empresas debe considerarse como unha oportunidade para a mellora continua das organizacións e da súa rendibilidade.
O vicepresidente de Viratec, José Ramón Vázquez, e a xerente de Bioga, Loli Pereiro, pecharon a xornada agradecendo a participación das entidades asociadas e animando a realizar máis proxectos no ámbito da bioeconomía circular.