Fundada en 2021, Xanelum é unha consultora especializada en sostibilidade e dixitalización que acompaña ás organizacións na súa evolución estratéxica e operativa. Falamos co seu fundador, Xosé María Cid, sobre a evolución e obxectivos da compañía, a integración de sostibilidade e dixitalización, e os retos normativos e de mercado aos que se enfrontan as empresas neste ámbito.
1. Para comezar, presente brevemente Xanelum e as súas áreas de actividade.
Xanelum é unha consultora que axuda ás compañías na súa evolución, centrándose en solucións aplicadas de sostibilidade e dixitalización. Foi creada co propósito de traballar nun modo diferente facer as cousas, baixo unha relación de confianza, transparencia, onde non sexamos só un proveedor, senón unha parte máis do negocio, apoiando aos nosos clientes desde o momento de definición de estratexias, ata a implementación das mesmas.
Aínda que poida soar a tópico, esta afirmación converteuse nunha realidade ao longo destes cinco anos. Sentímonos especialmente orgullosos de seguir colaborando con clientes que confiaron en nós desde os nosos inicios, mediante servizos que están a transformar a súa realidade empresarial: desde o cumprimento das obrigas normativas, ata a mellora das súas competencias, procesos ou a aplicación de tecnoloxías adaptadas ás súas necesidades.
2. Como foi a evolución de Xanelum desde a súa creación en 2021? Que fitos destacan neste percorrido?
A evolución e crecemento de Xanelum foi practicamente orgánica, onde os clientes chegaron por recomendación e referencias a partir dos percorridos dos profesionais que conformamos este proxecto.
Como fitos destacados, podo resaltar o cambio de modelo 100 % remoto en 2021 debido ás medidas aínda existentes de illamento, a un modelo diverso, con persoal en remoto, a apertura de oficinas en Ourense e A Coruña e outros como “implant” dentro de clientes.
Outro fito importante foi a consolidación do departamento de sostibilidade con Luis Barros na dirección desde setembro de 2022, e xa máis recentemente, o lanzamento de proxectos de alta complexidade tecnolóxica e organizativa.
Por último, gustaríame destacar que para nós, cada día hai un fito moi importante, que é que os clientes cos que estamos traballando continúen contando con nós desde ese marco de confianza e transparencia que nos caracteriza.
3. Cales son os principais obxectivos que se marcan para os vindeiros anos?
En primeiro lugar, continuaremos traballando na consolidación do noso posicionamento como consultora de referencia en sostibilidade e dixitalización avanzada, apoiándonos en tres eixos estratéxicos para as compañías: a simplificación de procedementos, a mellora das eficiencias e a xeración dunha evolución sostible nas organizacións.
Por outra banda, estamos con diversas liñas abertas para integrar a Intelixencia Artificial como un catalizador nos procesos e organizacións dos nosos clientes, dun modo obxectivo, ordenado e realista, sen crear expectativas sobredimensionadas e tendo sempre en conta a importancia da propiedade e uso do dato.
Finalmente, estamos a impulsar unha nova liña de formación, co obxectivo de facer accesible o coñecemento e dotar a persoas e empresas das competencias necesarias para situarse na vangarda que permita a súa evolución como empresas e profesionais.
4. Acaban de incorporarse a Viratec. Por que tomaron a decisión de unirse ao clúster? E que valor aporta Xanelum neste ecosistema?
Coñecíamos Viratec desde a súa fundación e consideramos que agora era o momento para formar parte do clúster por moitos motivos, como a labor desenvolvida durante estes anos e que fomos seguindo de preto, o nivel e calidade das empresas que o conforman, e o seu indiscutible compoñente galego á vez que mira alén das fronteiras. E, por outra banda, tomamos a decisión polo momento no que se atopa Xanelum como compañía e os obxectivos estratéxicos cara ao futuro a medio e longo prazo.
Dentro deste contexto, pretendemos que Xanelum sexa un socio de relevancia para desenvolver proxectos transversais que permitan poñer en valor a sostibilidade, tanto no contexto sectorial coma no xeográfico, á vez que axudamos ás compañías a mellorar a súa presenza no mercado e optimizar tempos e custes, non só económicos, senón tamén medioambientais e sociais.
5. Os ámbitos nos que Xanelum centra a súa actividade son a dixitalización e a sostibilidade. Como se integran ambas dimensións nos proxectos que desenvolven para os seus clientes?
O certo é que os nosos clientes acostuman a contactarnos por necesidades moi concretas que en raras ocasións abranguen unha perspectiva ampla e estratéxica. Ese é o punto de partida desde o que traballamos para facer ver a importancia de que esa necesidade inicial ten compoñentes moito máis amplos, como pode ser a importancia dunha boa xestión do dato, a interlocución entre áreas e equipos e a automatización de tarefas rutineiras que permitan optimizar tempos, liberar custes e minimizar riscos. E para facelo dun modo adecuado, a estratexia dixital e de sostibilidade deben estar compensadas e aplicarse de modo realista a cada cliente. Do contrario, non será unha boa estratexia nin se obterán os devanditos resultados.
Ámbalas áreas entendémolas desde dous prismas complementarios: por unha banda, as eficiencias internas que xeran aforros e optimizan recursos, e por outra, os requirimentos de mercados, ben sexan de cumprimento normativo ou estratexias para impulsar o seu crecemento. Podemos dicir que sempre buscamos baixar á realidade a parte máis inspiracional da sostibilidade ou a dixitalización.
6. Que papel xoga a dixitalización á hora de mellorar a eficiencia e a rendibilidade das organizacións?
A dixitalización é un concepto moi amplo, pero simplificando, é o permite facer as organizacións máis eficientes mediante o deseño e implementación de solucións tecnolóxicas. Implementar tecnoloxía para mellorar ratios, automatizar procesos e mellorar as operacións comerciais son algúns exemplos de dixitalización. Ademais, agora mesmo estamos nun momento disruptivo con todo o que ten que ver coa Intelixencia Artificial e a súa integración nas organizacións, e vai cambiar moito as formas en como se viñan facendo as cousas tanto interna como externamente.
Pero sempre, o primeiro e imprescindible paso sempre será ordenar e estruturar as organizacións e os datos que a conforman para que a dixitalización sexa realizada dun modo sensato, “con sentidiño”, e que realmente aporte valor. Do contrario conseguiremos o efecto inverso: multiplicar custes tecnolóxicos, débedas técnicas e procesos frustrantes para os empregados, clientes, provedores…
7. Traballan na elaboración de follas de ruta en materia de sostibilidade que abarcan desde a cadea de subministración ata a formación dos equipos. Que retos detectan con maior frecuencia nas empresas no momento de abordar estes procesos?
Primeiro e clave é definir a sostibilidade nos marcos de traballo cos clientes coas ambicións que a empresa teña. Isto sona fácil pero hai moito ruído e a nós gústanos buscar o silencio para a partir de aí poder construír.
O segundo reto é traballar a partir das definicións legais que emanan das diferentes normas europeas e das mellores técnicas dispoñibles. Esa información é clave para empezar a traballar con obxectivos claros. Por exemplo; no sector alimentario está moi definido, no téxtil a actual norma de ecodeseño e o seu acto delegado marcan o camiño, pero cada sector é un mundo, con distintos niveis de madurez, pero é fundamental saber onde tes que poñer o radar.
Ademais, na actualidade os nosos clientes atópanse co problema da fragmentación do mercado con novas regulacións por países que dificultan o acceso aos mercados e nos que lles axudamos a entender estas novas realidades e a procedimentar solucións que resolvan estas problemáticas e incertezas.
Outro reto é a información dentro das compañías aí metemos a pata de dixitalización para automatizar a comunicación e a información relevante, no momento no que estamos, canto máis grande é a compañía máis desorde de dato e ineficiencias atopamos.
Cada proxecto e cada empresa teñen os seus retos particulares e non se poden aplicar medidas idénticas entre elas se se desexa obter un resultado óptimo.
8. O panorama regulamentario europeo en materia de sostibilidade empresarial deu un novo paso recentemente coa aprobación da Directiva Ómnibus, que reduce o número de empresas obrigadas a reportar, á vez que simplifica o esforzo administrativo. Desde a súa experiencia, como afecta esta flutuación normativa nas organizacións á hora de reportar? Que recomendacións lles darían para manter a utilidade estratéxica destes informes, aínda que se realicen de forma voluntaria?
Europa precisa que as empresas sexan competitivas e, se analizamos a evolución doutros bloques económicos, podemos afirmar que estamos a entrar nun período de certa perda de peso relativo. Por este motivo, consideramos clave facilitar procesos de adaptación que sexan realistas e proporcionais. Neste contexto, existe aínda un amplo campo de traballo: o alcance das directivas, centrado inicialmente nas grandes empresas, acaba por obrigar tamén aos seus provedores a reportar información e a analizar datos e trazabilidade. Así, mesmo se a proposta Omnibus reduce o nivel de ambición, moitas organizacións seguen obrigadas a reportar por esixencias directas dos seus clientes.
É máis importante contar cunha boa orde interna e cunha mellora continua que acumular reporte sen trazabilidade do dato ou con información incorrecta.
O reporte, sexa público ou non, debe servir para gañar control e coñecemento sobre a situación real da compañía en ámbitos que afectan á eficiencia e aos riscos de competitividade, e non tanto para as obrigas de facer públicos os datos. De feito, o mercado aínda non percibe que os consumidores utilicen de forma decisiva estes informes á hora de tomar decisións de compra.
Pola contra, é fundamental que as empresas coñezan en que ámbitos poden mellorar, xa que todos eles acaban reflectíndose na conta de resultados: riscos ambientais (enerxía e cambio climático, xestión da auga, residuos e envases, etc.), riscos sociais (alta rotación, absentismo, conflitos internos, etc.) e mesmo o risco de perda de mercados por esixencias de compliance dos clientes ou por obrigas legais vinculadas á sostibilidade.