Pablo García-Bodaño, CEO de WIM Studio: “En Galicia existe unha oportunidade real para liderar a transformación cara a modelos industriais máis sostibles”

WIM Studio é unha compañía especializada na innovación en materiais e na creación de novas solucións a partir de residuos. Fundada en 2023, busca dar resposta a tres necesidades: a redución da contaminación a través da reciclaxe sostible, a fixación de poboación na España baleirada e o cumprimento por parte das empresas das esixencias europeas de reciclaxe de residuos. A empresa conseguiu desenvolver un proceso de reciclaxe no que apenas se emprega calor e que non produce emisións de CO₂ á atmosfera.

Falamos co CEO da empresa, Pablo García-Bodaño, sobre o seu modelo de valorización de residuos, os plans de expansión coa nova planta nas Pontes, a súa participación na Business Factory ClimaTech e o seu papel na transformación do sector industrial cara a modelos máis sostibles.

Para comezar, presente brevemente WIM Studio, a súa orixe e as súas áreas de actividade.

WIM Studio é un proxecto que comezou a xestarse moito antes da súa constitución como empresa. A súa orixe está estreitamente ligada a Tattoo Contract, outra das compañías que tiven a sorte de fundar e dirixir, e nace dunha inquedanza constante pola diferenciación e a innovación nun mercado que coñecemos ben: o dos materiais e o mobiliario.

Desde esa experiencia previa detectamos a necesidade real de traballar con materiais sostibles e verdadeiramente reciclados, fuxindo do greenwashing e de solucións que, ao analizalas en profundidade, carecían dunha base sólida. Nese proceso de procura comezamos a investigar, testar e prototipar novos materiais, acudindo a feiras internacionais e validando solucións directamente con clientes, mesmo antes de que WIM Studio existise como sociedade.

Como parte natural desa evolución, creouse tamén Material Innovation Hub, un centro de innovación complementario que funciona como unha grande materioteca e un espazo de aprendizaxe. Alí exploramos materiais e experiencias innovadoras en sostibilidade procedentes de distintos países, co obxectivo de adaptalas e desenvolvelas posteriormente a nivel local en Galicia.

Ese percorrido previo —de investigación, proba e aprendizaxe— é a verdadeira orixe de WIM Studio e a base sobre a que hoxe desenvolvemos solucións industriais sostibles, honestas e con impacto real.

A valorización de residuos e subprodutos é o eixe central da súa actividade. Por que consideran que este enfoque é clave para avanzar cara a un modelo industrial e económico máis circular e competitivo?

A valorización de residuos e subprodutos é, efectivamente, o eixe central da actividade de WIM Studio. Forma parte do noso día a día e, ademais, segue sorprendéndonos constantemente polas posibilidades que ofrece.

Comezamos desenvolvendo unha primeira serie de patentes e materiais moi centrados no ámbito téxtil. A partir de aí, na procura de ingredientes que achegasen maior solidez e prestacións aos materiais, fomos incorporando novos subprodutos procedentes doutros sectores. Hoxe traballamos, por exemplo, con cuncha de moluscos, resina de piñeiro e xeso reciclado, ampliando o impacto da reciclaxe a distintas industrias.

No caso da resina de piñeiro, detectamos un paradoxo clara: España é un país cunha grande dispoñibilidade deste recurso natural, pero tradicionalmente déuselle pouco valor, obrigando mesmo a importar resinas do exterior. O noso obxectivo é precisamente reverter esa lóxica, achegando valor local, xerando riqueza e aproveitando recursos que xa existen no territorio.

Esta filosofía refórzase a través de colaboracións con axentes industriais e de reciclaxe, como o proxecto que estamos a desenvolver con Grupo Gestán, no que traballamos con xeso reciclado para reincorporalo a novos materiais de alto valor engadido.

Ademais, a nosa experiencia previa en Tattoo Contract levounos a dar un paso máis alá. Non só desenvolvemos materiais sostibles, senón que analizamos directamente os residuos dos nosos propios clientes para, xunto con eles, transformalos en novos materiais, mobiliario, solucións acústicas ou sistemas de iluminación que se reincorporan ao mesmo proxecto. Deste xeito pechamos o círculo e damos lugar a solucións verdadeiramente circulares, industriais e competitivas.

Cales son os principais retos e desafíos aos que se enfronta actualmente a empresa?

Un dos principais retos aos que nos enfrontamos actualmente en WIM Studio é dimensionar adecuadamente tanto o noso centro de innovación como a planta de produción actual, para poder dar resposta á crecente demanda que estamos a recibir, antes da posta en marcha da nova planta industrial que construiremos nas Pontes.

Paralelamente, outro grande desafío é pechar e consolidar o ecosistema de colaboracións que se está a crear arredor da reciclaxe téxtil. Igual que xa acontece en Tattoo Contract, onde somos capaces de abordar proxectos de grande escala —como hoteis de centos ou milleiros de habitacións— grazas á coordinación de industrias e persoas, en WIM Studio estamos a replicar ese mesmo modelo colaborativo aplicado ao ámbito dos materiais e da valorización.

Neste ecosistema, WIM Studio achega o seu coñecemento en valorización de residuos, pero traballa de maneira integrada con axentes de reciclaxe, outros valorizadores, empresas de loxística, carpintarías e distintos actores industriais. O reto está en rematar de definir e consolidar esta rede de colaboración para que funcione de forma eficiente, escalable e sostible no tempo.

En definitiva, os nosos desafíos pasan por estruturar este ecosistema, reforzar a capacidade operativa e escalar a empresa de maneira ordenada, sen perder a esencia colaborativa e circular que define o noso modelo.

En que proxectos ou liñas de traballo están centrados actualmente e cales marcarán a folla de ruta de WIM Studio nos próximos anos?

Nestes momentos, en WIM Studio estamos a traballar en varias liñas de desenvolvemento moi claras, todas elas vinculadas á creación de materiais sostibles cun alto compoñente de innovación e trazabilidade.

A primeira liña é seguir evolucionando e dotando de maiores prestacións, certificacións e valor engadido a Recycle Textile Stone, un material con aparencia pétrea que combina residuo téxtil con cuncha de mexillón, resina de piñeiro e xeso procedente de obras. É un material que representa moi ben a nosa filosofía de valorización de subprodutos de distintos sectores nunha única solución industrial.

En paralelo, estamos a avanzar no desenvolvemento doutra patente que combina la de ovella, lignina e morteiro de cal, explorando novas aplicacións construtivas e de deseño a partir de materias primas naturais e residuos industriais.

A terceira grande liña de traballo é un material 100 % téxtil, especialmente orientado ao mercado acústico, onde estamos a ver un enorme potencial tanto a nivel técnico como comercial.

En canto aos proxectos, a nosa prioridade é seguir medrando xunto aos nosos clientes. Durante todo o ano 2025 estivemos a desenvolver materiais específicos para eles, e agardamos que en 2026 este traballo se traduza nun crecemento significativo. Actualmente colaboramos con compañías como ILUNION, Grupo Santa Lucía —a través de proxectos como Albia—, así como con marcas como Cartier e Barbour – Ogoza.

Con todas elas traballamos de forma moi próxima, man a man, como verdadeiros aliados, desenvolvendo materiais á medida que encaixan cos seus valores, as súas necesidades e a súa visión de sostibilidade a longo prazo.

WIM Studio anunciou recentemente a apertura dunha nova planta industrial nas Pontes, cun importante investimento económico. Que supón este fito para a empresa e que obxectivos persegue?

A nosa previsión é que, a finais de 2026 ou como máximo a comezos de 2027, WIM Studio conte cun novo centro de produción nas Pontes que nos permita dar un salto claro en termos de escalabilidade industrial.

Esta nova planta daranos a capacidade de incrementar de forma moi significativa a produción de placas dos nosos materiais. E iso non só implica producir máis, senón tamén aumentar de maneira directa a nosa capacidade de reciclaxe: falamos de poder valorizar centos de miles de quilos de residuo téxtil, así como grandes volumes de cuncha de mexillón e outros subprodutos industriais.

Ademais, a planta das Pontes permitiranos converternos nun aliado aínda máis relevante para empresas de reforma e demolición, especialmente na valorización do xeso procedente de obras, pechando ciclos de reciclaxe que hoxe en día aínda están pouco explotados.

Ao mesmo tempo, manteremos no polígono de Alvedro a parte máis vinculada á innovación: o desenvolvemento de novas series, producións máis pequenas e o prototipado de materiais. Deste modo, diferenciamos claramente os espazos de innovación e de produción a grande escala.

A nova planta estará orientada a dar servizo a proxectos de alta produción, como o sector retail, hoteleiro, hospitalario e funerario, cos que xa estamos a traballar. En definitiva, este fito permitiranos medrar de forma ordenada, aumentar o noso impacto ambiental positivo e consolidar un modelo industrial verdadeiramente circular.

Que impacto terá a apertura destas novas instalacións para Galicia? Como contribuirá na comunidade a nivel ambiental, social e económico?

O impacto que agardamos que teña o proxecto de WIM Studio nas Pontes e, en xeral, en Galicia, é moi positivo e vai moito máis alá do ámbito industrial.

Trátase dun proxecto profundamente humano, pensado desde o inicio nas persoas. Neste sentido, temos a sorte de colaborar con entidades como ILUNION e Cáritas, co obxectivo de que unha parte significativa do persoal da nova planta sexa persoal de inclusión. Queremos que o crecemento da empresa teña un impacto social real e tanxible.

A nivel económico, a posta en marcha da planta suporá a creación de varias decenas de postos de traballo directos, ademais de emprego indirecto vinculado á actividade industrial, á loxística e aos servizos asociados. Nos últimos meses fomos coñecendo de primeira man o ecosistema empresarial das Pontes e cremos que existen grandes oportunidades de colaboración con carpintarías, proxectos de reciclaxe téxtil e axentes de reciclaxe que xa operan na zona, algúns dos cales son colaboradores habituais de WIM Studio.

Desde o punto de vista ambiental, a planta permitirá incrementar de forma significativa a valorización de residuos téxtiles, cuncha de mexillón e xeso, contribuíndo a reducir o impacto ambiental e a pechar ciclos produtivos de forma local.

En conxunto, cremos que pode converterse nun proxecto cun impacto moi equilibrado —ambiental, social e económico— e nun exemplo de como a industria sostible pode xerar valor real no territorio.

WIM Studio participou na segunda edición da Business Factory ClimaTech, a aceleradora de proxectos ambientais impulsada por Viratec e a Xunta de Galicia. Que lles achegou formar parte desta aceleradora e como influíu na evolución do proxecto e do modelo de negocio?

Tivemos a sorte de participar na segunda edición da Business Factory ClimaTech, unha experiencia que supuxo un impulso moi importante para WIM Studio, tanto a nivel técnico como estratéxico.

No noso caso, o reto no que participamos tiña como empresa tractora ao Grupo Gestán e partía dunha necesidade moi concreta: o xeso era o único ingrediente dos nosos materiais que, sendo natural, aínda estabamos a mercar. O obxectivo do reto era analizar se eramos capaces de valorizar o pladur, extraer del xeso reciclado e reincorporalo aos nosos propios materiais.

O resultado foi moi positivo. Conseguimos desenvolver un proceso que nos permite reutilizar ese xeso reciclado, o que abre a porta a valorizar grandes cantidades deste residuo e a xerar un beneficio compartido para todos os axentes implicados na cadea. É un exemplo claro de colaboración industrial aplicada á economía circular.

Máis alá do reto técnico, a Business Factory ClimaTech foi moi esixente, pero tamén moi enriquecedora. Axudounos a ordenarnos como empresa, a estruturar de forma sólida o business plan e a aterrar estratexias que moitas veces están claras na cabeza, pero que necesitan ser ben definidas para estar preparados ante investidores, entidades financeiras e procesos de crecemento.

Ademais, o programa fai que te sintas acompañado e respaldado por un ecosistema moi potente, co aval de entidades como Viratec, a Xunta de Galicia, IGAPE, Alianza Galega polo Clima e XesGalicia, entre outras.

En conxunto, foi unha experiencia moi positiva que reforzou o noso modelo de negocio, a nosa visión industrial e a nosa capacidade para escalar o proxecto de forma ordenada e colaborativa.

Como entidade asociada a Viratec, que valor atopan en formar parte do clúster? En que ámbitos lles está resultando útil esta colaboración?

Desde a nosa experiencia, Viratec é un clúster especialmente activo e diferencial. É algo que sempre comento: cada vez que hai un encontro de Viratec, chama a atención o perfil das persoas que asisten. Normalmente son perfís decisores dentro das empresas, o que fai que os encontros sexan realmente produtivos e orientados a xerar oportunidades reais de colaboración.

Ademais, adoita congregar un número relevante de participantes —arredor de 40-50 persoas en moitas ocasións—, o que demostra a capacidade de convocatoria do clúster e o interese que xera dentro do ecosistema empresarial galego.

Para WIM Studio, formar parte de Viratec supuxo, sobre todo, acceder a un ecosistema de empresas cunha visión moi aliñada coa nosa. Somos unha compañía que naceu desde a colaboración e as sinerxías, e o clúster permítenos coñecer e traballar con empresas de quilómetro cero, que están en ámbitos complementarios e coas que se poden construír proxectos conxuntos.

De feito, o valor desta pertenza reflíctese en algo moi concreto: xa estamos a colaborar con varias empresas do propio clúster en distintos proxectos. Para nós, iso é a mellor proba de que Viratec non é só un espazo de networking, senón un verdadeiro contorno de colaboración e xeración de valor.

Mirando ao futuro, que papel queren que xogue WIM Studio na transformación do sector industrial cara a modelos máis sostibles? Como cren que a colaboración entre empresas, clústeres e administracións pode acelerar ese cambio?

O papel que me gustaría que xogase WIM Studio é, ante todo, un papel honesto. Creo que con esa palabra se define moi ben a nosa razón de ser.

Como comentaba ao inicio da entrevista, WIM Studio nace da necesidade de evitar o greenwashing e de facer as cousas ben desde a orixe. Apostamos por poñer en valor os recursos de quilómetro cero que temos en Galicia, axudar a outras empresas a reciclar os seus residuos e a convertelos en materiais que poidan volver integrarse nos seus propios proxectos, pechando verdadeiramente o círculo.

Ese compromiso coa sostibilidade real tamén se reflicte en como traballamos a trazabilidade e a veracidade dos nosos procesos. Aínda que estamos a avanzar en distintas certificacións que nos solicitan os nosos clientes, desde o primeiro momento incorporamos tecnoloxía blockchain para auditarnos a nós mesmos, asegurando a transparencia dos procesos e dos ingredientes que utilizamos. O noso obxectivo é que WIM Studio sexa un proxecto sostible de verdade, non só no discurso.

En canto á colaboración, para min é un piar fundamental. Como empresario, e tamén desde a miña experiencia previa en Tattoo Contract, desde o inicio traballamos con sinerxías, moitas veces por necesidade, pero sempre coa convicción de que é a mellor forma de medrar e xerar impacto.

Por iso estamos encantados de formar parte de ecosistemas como Viratec, así como doutros contornos colaborativos vinculados á innovación e á sostibilidade, e de contar co apoio de entidades como IGAPE e a Xunta de Galicia.

De feito, WIM Studio naceu inicialmente coa idea de instalarse en Madrid, pero loitei por todos os medios para que o proxecto se desenvolvese en Galicia. Creo firmemente que aquí existe un ecosistema diferente, unha forma distinta de facer as cousas e unha oportunidade real para acelerar e liderar a transformación cara a modelos industriais máis sostibles desde o territorio.

COMPARTIR