- O presidente de VIRATEC, Marcos Martín, afirma que “é momento de avanzar no camiño da sostibilidade a través da colaboración público-privada; o futuro será circular ou non será”
- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entrega a VIRATEC o Memorando de Entendemento asinado pola Xunta en Glasgow para implementar, de forma conxunta, medidas que limiten o quecemento global
- O obxectivo é que Galicia acade a neutralidade climática no ano 2050
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021. O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, VIRATEC, colaborará coa Xunta para converter Galicia nun referente da neutralidade climática. O obxectivo é que a nosa comunidade asuma, cunha estratexia propia, as metas establecidas na 26ª Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático, que se celebra en Glasgow.
É o principal acordo da reunión que a Directiva do Clúster mantivo esta mañá coa conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ángeles Vázquez. Para logralo, VIRATEC terá un papel protagonista da man do Goberno galego na promoción de medidas que contribúan a limitar o quecemento global. Neste sentido, o presidente do Clúster, Marcos Martín, subliña que “é momento de pasar dos compromisos á acción; a través da colaboración público-privada temos que avanzar no camiño da sostibilidade, só deste xeito o futuro será circular ou non será”. O presidente do Clúster fai fincapé tamén no seu compromiso “para ser a voz que aglutine aos negocios e entidades que se sumen contra o cambio climático”.
Pola súa parte, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destaca que “precisamos do apoio de VIRATEC para lograr que a transición ecolóxica sexa realidade e deixe de ser un titular”. Vázquez engadiu que “por iso, entregamos a VIRATEC o Memorando de Entendemento, a declaración de intencións pola que as 260 rexións asinantes asumimos o reto de implementar medidas que limiten o quecemento global”.
VIRATEC é a primeira entidade en coñecer de primeira man os puntos deste acordo no que Galicia se compromete a alcanzar a neutralidade climática no ano 2050.
Memorando de Entendemento Under2: o camiño da transición ecolóxica
O documento asinado en Glasgow establece que, a Xunta, da man de VIRATEC, vai actuar “como líder climático” para lograr unha redución do 45% das emisións de CO2 para 2030 respecto aos niveis de 2010.
Os 260 asinantes do Memorando acordan traballar conxuntamente en solucións medioambientais e económicas. Un dos puntos que establece o documento é a promoción da enerxía renovable e o abandono dos combustibles fósiles. Por outra parte, o acordo contempla a posta en marcha de estratexias que reduzan as emisións do sector industrial.
O tráfico e o transporte tamén centran as olladas do Memorando asinado na COP-26. Neste caso, Galicia colaborará na adopción de medidas que impulsen os vehículos de emisións cero. Ademais, os asinantes acordan reducir a deforestación e desenvolver tecnoloxías para converter os residuos en materias primas ou en enerxía.
O Memorando inclúe tamén a redución de contaminantes como o carbono negro e o metano, medida que se traducirá nunha mellora da calidade do aire.
Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, VIRATEC
VIRATEC naceu para incrementar a capacidade tecnolóxica, innovadora e a competitividade das empresas galegas que ofrecen solucións ambientais. Por outra parte, o Clúster traballa para fomentar a internacionalización do tecido empresarial e contribuir ao desenvolvemento sostible de Galicia.
Nestes intres o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, VIRATEC, traballa no desenvolvemento do seu Plan Estratéxico e tamén Operacional. Está formado por máis de 60 entidades que movilizan máis de 2.000 millóns de euros.
Máis información:
Presidente de VIRATEC, Marcos Martín
Teléfono: 659 04 90 61