VIRATEC presentará o anteproxecto de Lei de mellora do ciclo integral da auga o 2 de decembro

O vindeiro xoves, 2 de decembro, ás 16:30 horas o Clúster VIRATEC presentará na sede Feuga o anteproxecto de Lei de mellora do ciclo integral da auga, coa presenza de Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia.

O acto, de 1 hora de duración, tamén contará co presidente do Clúster, Marcos Martín, o encargado da benvida. Tras a presentación, organizarase un coloquio aberto entre os asistentes e ofrecerase un café networking de peche. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través desta páxina.

O anteproxecto de Lei aspira a consolidarse nun marco normativo que permita regular o apoio aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración de augas. Con este novo modelo de xestión non só preténdese garantir a calidade dos servizos aos cidadáns, senón tamén colaborar coas entidades locais ante dificultades técnicas e financeiras contrastadas que teñen moitos municipios.

Este marco legal establece instrumentos de cooperación entre as administracións con competencias na materia, Xunta, Deputacións e Concellos coa previsión de que Augas de Galicia poida asumir a xestión do ciclo da auga dos municipios que así o soliciten.

COMPARTIR