Viratec fai un chamamento “ao compromiso da sociedade galega coa transición ecolóxica”

O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular comparte a súa I Declaración institucional polo Día Mundial do Medio Ambiente.

O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, Viratec, adiantou a este mediodía a celebración da efeméride do 5 de xuño ao facer pública a súa I Declaración polo Día Mundial do Medio Ambiente.

Froito da colaboración e achegas dos máis de 60 socios de Viratec e baixo o título Unha soa Terra, unha soa Galicia, a Declaración institucional pon sobre a mesa a necesidade de “lembrar que a nosa casa, o planeta, é único; non existe un reposto, non hai outro igual” e que, do mesmo xeito que a Terra, “Galicia tamén é única, cun patrimonio natural que é a súa sinal de identidade”. Por este motivo, prosegue a Declaración, “debemos coidar dela e traballar co propósito de achegar coñecemento, talento e experiencia para construír agora un futuro consciente da sustentabilidade como modelo de desenvolvemento”.

A vicepresidenta do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, Josefa de León, que deu lectura á Declaración conxunta, destacou que “temos a obrigación de preservar o capital natural e a gran riqueza ambiental de Galicia e impulsar a novo paradigma económico que dá resposta ao reto de non superar os límites planetarios”. “Porque Terra só hai unha”, engadiu.

Neste sentido, a través da súa I Declaración polo Día Mundial do Medio Ambiente, Viratec fai un chamamento “ao compromiso da sociedade galega coa transición ecolóxica”, manifestando o seu “respaldo a aquelas políticas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, favorecendo un ecosistema de cooperación público-privada que permita incrementar a capacidade tecnolóxica, de innovación e a competitividade das empresas e centros de coñecemento que achegan solucións ambientais”.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, foi a encargada de clausurar o evento organizado polo Clúster no Pazo do Faramello. Acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, a conselleira subliñou durante a súa intervención “a colaboración fluída entre a Xunta de Galicia e Viratec, que proximamente entrará a formar parte da Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa que sumará esforzos e sinerxias de toda a sociedade galega na loita contra o cambio climático”.

I Declaración de Viratec polo Día Mundial do Medio Ambiente.

 

 

COMPARTIR