Atlantic Green Hub pecha a súa primeira edición visibilizando o liderado de Galicia e Euskadi no impulso da Axenda Verde do Eixo Atlántico

  • O encontro, impulsado desde Aclima e Viratec, os clústers vasco e galego de medio ambiente, contou nesta primeira edición con máis 300 asistentes.
  • Na súa última xornada, Euskadi, Galicia e Cantabria debateron sobre os retos e oportunidades que ofrece a sostibilidade nos tres territorios.
  • A segunda edición do evento celebrarase en 2026 en Euskadi co obxectivo de seguir fortalecendo a alianza entre as dúas entidades que representan a máis de 200 empresas que facturaron en 2024 máis de 4.000 millóns de euros e xeraron máis de 11.000 empregos nas dúas comunidades.
Atlantic Green Hub_representantes regiones y clústeres

Os vicepresidentes de Viratec, José Ramón Vázquez, e Aclima, Asier Ochoa de Eribe, clausuraron hoxe a primeira edición do ‘Atlantic Green Hub -Empowering clean and competitive industry’, un encontro que serviu para visibilizar o liderado dos dous territorios que se comprometeron a impulsar a Axenda Verde do Eixo Atlántico e a seguir sumando novas adhesións. Atlantic Green Hub foi a primeira iniciativa dun acordo de colaboración entre os dous clústeres ambientais de Galicia e Euskadi que pretende poñer en valor as solucións que impulsan todas as súas empresas como aceleradoras da transición ecolóxica de todos os sectores e como acicate da súa competitividade nun mercado cada vez máis globalizado.

Viratec e Aclima aproveitaron este último día do evento para lanzar un compromiso compartido que impulse a axenda verde no Eixo Atlántico. “A nova economía circular e baixa en carbono necesita o liderado do sector ambiental para superar os retos que se lles presentan ás empresas de todos os sectores. Somos conscientes da nosa responsabilidade, pero tamén sabemos que estamos preparados para achegar as respostas a eses retos”, explicou o vicepresidente de Viratec, José Ramón Vázquez. Pola súa banda, Asier Ochoa de Eribe, vicepresidente de Aclima, subliñou que, “temos os vimbios para converternos en referentes da economía verde e, sinceramente, creo que nestes dous días de Atlantic Green Hub demos un paso de xigante para avanzar nunha transformación tan necesaria como rendible na súa tripla vertente: ambiental, económica e social”.

Mesa de rexións

O Atlantic Green Hub acolleu hoxe tamén unha mesa redonda para debater os retos e oportunidades do sector nos territorios con representantes institucionais como o viceconselleiro de Medio Ambiente do Goberno Vasco, Josu Bilbao, a subdirectora xeral de Cambio Climático e Ordenación do Litoral da Xunta de Galicia, Teresa Bernal, e o director xeral de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno de Cantabria, Alberto Quijano, moderados pola directora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Marta Gómez Palenque. Neste panel, deron a coñecer os plans e proxectos estratéxicos que se están a levar a cabo nas súas respectivas comunidades autónomas para adecuarse ás normativas europeas, impulsar a transición ecolóxica nos diferentes sectores económicos e potenciar a súa competitividade.

Os relatores coincidiron en destacar a potencialidade ambiental e o mercado que se abre no Eixo Atlántico, alén de España e coas olladas postas en Aquitania e mesmo en Portugal, para poñer en marcha iniciativas colaborativas como a emprendida polos clústeres ambientais de Galicia e Euskadi (Viratec e Aclima), impulsores deste primeiro Atlantic Green Hub.

Por outra banda, a charla inspiracional desta segunda xornada de Atlantic Green Hub correu a cargo da bióloga, divulgadora científica e experta en sostibilidade ambiental comprometida co cambio climático, Odile Rodríguez de la Fuente, unha persoa referente no Medio Natural, como tamén o foi o seu pai Félix Rodríguez de la Fuente.

Side Events e espazo de negocio

Atlantic Green Hub foi escenario de xeito paralelo dun completo programa de Side Events no que diferentes firmas e entidades dos dous territorios explicaron os seus proxectos aos asistentes: Aecom, Aenor, Afesa, Anfaco-CYTMA, Bioetanol Galicia-Vertex Bioenergy, CETIM, CRN Consultores, Diputación Foral de Bizkaia, Ekoiure, FCC Ámbito, Gestán Conteco, Global Factor, Grunver Sostenibilidad, IK Ingeniería, Medrar, TEVALCOR, Universidade da Coruña, URBASER, VALTALIA, VEOLIA, VIAQUA, Waste Lab Bizkaia e WIM Studio.

Ao longo destes dous días, ademais das diferentes charlas e paneis de experiencias, máis de 30 empresas ofreceron solucións ambientais aos distintos sectores económicos, entidades e organizacións nos seus stands situados na Cidade da Cultura. Xerouse nesta zona un espazo de negocio, de intercambio, de networking e de relación que pretende crear lazos que potencien unha economía máis verde e competitiva en todo o Eixo Atlántico. O sector ambiental suma máis de 200 empresas en Galicia e Euskadi que facturaron en 2024 máis de 4.000 millóns de euros e xeraron máis de 11.000 empregos. Converteuse, ademais, nun aliado imprescindible tanto para empresas como para organizacións que están a desenvolver a súa propia transición ecolóxica e que sitúan a sostibilidade como unha estratexia esencial para asegurar o seu futuro e incrementar a súa competitividade.

Vindeira edición en Euskadi

Atlantic Green Hub pechou hoxe as súas portas en Santiago de Compostela co compromiso dos dous clústeres, Viratec e Aclima, de que a vindeira edición se celebrará en Euskadi, para continuar afianzando unha alianza que pretende converter estes dous territorios e os seus respectivos sectores ambientais na panca definitiva para impulsar unha nova economía circular e baixa en carbono en todo o tecido económico.

Vídeo resumo da segunda xornada

SHARE