- O Atlantic Green Hub, un encontro pioneiro e único en todo o Estado, puxo de manifesto que a sostibilidade ambiental se consolida como un eixo estratéxico para impulsar a competitividade en todos os sectores
- O evento, que se celebra os días 23 e 24 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, conecta a empresas de distintos ámbitos e institucións con solucións ambientais innovadoras e eficientes ofertadas por firmas referentes de Galicia e Euskadi
- Impulsado polos clústeres ambientais Viratec (Galicia) e Aclima (Euskadi), o evento reúne a máis de 30 empresas, socias de ambas as entidades, que están a liderar unha transición ecolóxica enfocada a impulsar unha nova economía circular e baixa en carbono
A primeira xornada do Atlantic Green Hub confirmou que a sostibilidade ambiental é un vector estratéxico para a competitividade en todos os sectores económicos. A cita, impulsada polos clústeres ambientais Viratec (Galicia) e Aclima (Euskadi), congregou na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a institucións, empresas e diversas entidades para compartir solucións, xerar alianzas e avanzar conxuntamente cara a un modelo produtivo máis respectuoso coa contorna e competitivo.
A xornada comezou coa inauguración da zona expositiva, protagonizada pola presidenta de Viratec, Josefa de León, e o presidente de Aclima, Xabier Caño.
O acto, inspirado no concepto “A sostibilidade non curta, une”, buscou representar a unión de dúas cordas elaboradas con tecido reciclado que, ao entrelazarse, formaron o símbolo do infinito. Este xesto evocou a vida continua dos materiais cando se reciclan e reutilizan, así como a cooperación entre Galicia e Euskadi no impulso a unha industria máis sostible. As cordas, emerxendo de vasos de cristal reciclado, simbolizaron as augas que flúen dun mesmo mar e que, ao unirse, vólvense máis fortes, máis sostibles e máis protexidas.
Durante o acto, De León subliñou o papel tractor das empresas ambientais, apuntando que “sen o sector ambiental, non haberá transición ecolóxica posible. Queremos que este encontro sexa un espazo de descubrimento, colaboración e negocio, onde as ideas se convertan en proxectos con impacto real”.
Pola súa banda, Xabier Caño, destacou o contexto actual e as oportunidades que ofrece: “As empresas están a vivir un momento crucial para o seu desenvolvemento futuro e, sen ningunha dúbida, unha boa parte vai depender de como fagan a súa transición ecolóxica. Debemos ver este momento como unha oportunidade histórica para transformar a nosa economía e facela máis circular e baixa en carbono. Os sinais que nos mandan os mercados e as institucións europeas non poidan ser máis claras”, afirmou.
A apertura institucional tamén contou coa participación do viceconselleiro de Medio Ambiente do Gobierno Vasco, Josu Bilbao, e da directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, quen coincidiu en destacar o valor da cooperación Galicia-Euskadi para impulsar o Eixo Atlántico como modelo de desenvolvemento medioambientalmente sostible e de impulso a un tecido empresarial innovador e transversal.
Clústeres do Eixo Atlántico
Na mesa redonda “Retos e oportunidades sectoriais para os Clústeres do Eixo Atlántico”, moderada por Norberto Penedo, director da área de competitividade do IGAPE, representantes do Clúster da Alimentación de Galicia (Clusaga), do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, do Clúster do Papel de Euskadi e do Clúster Industria da Construción (Galicia Constrúe) debateron sobre os desafíos e oportunidades que afrontan os seus sectores na transición ecolóxica.
Durante a sesión destacouse o papel dos clústeres como axentes clave para impulsar prácticas ambientalmente sostibles, fomentar a colaboración entre empresas e promover proxectos conxuntos que faciliten o acceso a financiamento verde.
O debate abordou, ademais, cuestións específicas de cada sector: a redución do refugallo alimentario na industria da alimentación; a optimización do uso da madeira e as melloras na loxística do transporte; a electrificación na industria papeleira; e o papel da innovación e os novos materiais na construción sostible.
Exposición, inspiración e networking
A Zona de Stands, eixo central do encontro, acolle durante as dúas xornadas de traballo e exposición as solucións, produtos e servizos de máis de trinta empresas líderes do sector ambiental. Este espazo configúrase como o principal punto de conexión entre oferta e demanda, fomentando o intercambio directo de experiencias, a xeración de sinerxías e a identificación de oportunidades de colaboración entre compañías, institucións e entidades públicas e privadas.
Tamén houbo lugar para relatorios inspiracionais, como a da investigadora do Real Instituto Elcano, Lara Lázaro, quen ofreceu a conferencia “A xeopolítica e a gobernanza da acción climática nun contexto de confrontación”, enmarcando a transición ecolóxica nun escenario internacional complexo.
A xornada continuou con diferentes Side Events, concibidos como espazos de intercambio para mostrar solucións ambientais innovadoras e propiciar novas sinerxías entre os participantes.
O programa do Atlantic Green Hub continuará mañá con máis presentacións e a intervención da bióloga e divulgadora Odile Rodríguez de la Fuente. A mesa redonda da xornada estará centrada en “Retos e oportunidades en materia de sostibilidade para os territorios do Eixo Atlántico”, moderada pola directora xeral de Calidade Ambiental do MITECO, Marta Gómez Palenque, e na que participarán representantes do Goberno Vasco, da Xunta de Galicia e o Goberno de Cantabria.

Empresas e entidades participantes
Atlantic Green Hub acolle durante as dúas xornadas de traballo e exposición a máis de 30 empresas como: Aecom, Aenor, Afesa, Agrupalab, Anfaco-CYTMA, Aporta Comunicación, Bioetanol Galicia-Vertex Bioenergy, Birziplastik, CETIM, CIMAS Innovación y Medio Ambiente, CRETUS (Universidade de Santiago de Compostela), CRN Consultores, Ekoiure, FCC Ámbito, Gestán Conteco, Global Factor, Grunver Sostenibilidad, IK Ingeniería, Medrar, Ondoan, PERMAE, Sercontrol, Teknimap, TEVALCOR, Universidade da Coruña, URBASER, VALTALIA, VEOLIA, VIAQUA e WIM Studio.
Ademais, hai un espacio exclusivo para a Business Factory ClimaTech (BFClimaTech), a primeira aceleradora ambiental de Galicia, impulsada por Viratec coa colaboración da Xunta de Galicia. Quince startups presentan as súas solucións máis innovadoras con impacto positivo no clima e o medio ambiente, apoiadas por empresas e entidades tecnolóxicas de referencia.
Apoio institucional e colaboradores
Atlantic Green Hub conta co respaldo da Xunta de Galicia e do Gobierno Vasco, así como coa colaboración de Bioetanol Galicia-Vertex Bionergy, Veolia, a Deputación Foral de Bizkaia e Waste Lab Bizkaia.