Bioeco2 nace como unha asociación de profesionais e empresas da xestión forestal privada en Galicia, como resposta a anos de análise sobre a actividade profesional, e coincidir entre elas na necesidade de crear un colectivo de axuda e apoio técnico entre as mesmas e a promoción e visibilidade do seu traballo e actividades que realizan ante a sociedade.
De esquerda a dereita: Carmen Rial, presidenta de Bioeco2; Josefa de León, presidenta de Viratec; Esther Merlo, socia de Bioeco2; e Manuel Beiro, tesoureiro de Bioeco2.
- Cales son os obxectivos da entidade?
Os obxectivos da entidade son a posta en común de todas aquelas cuestións relativas á xestión forestal profesional (as chamadas enxeñerías ou consultorías forestais), para a creación dun futuro profesional que sexa capaz de alcanzar as metas profesionais dos enxeñeiros e enxeñeiras forestais e de montes, e estudos superiores en xestión forestal e ambiental, acorde coas acreditacións que habilitan estes estudos no ámbito da xestión forestal.
É necesario afondar tanto no plano clásico ou directo dos obxectivos destas competencias, como nas novas necesidades, oportunidades e servizos que están por chegar, tendo en conta o contexto socio-económico e climático actual.
- E os principais desafíos?
O primeiro desafío é a falta de visibilidade e posta en valor a nivel da sociedade e incluso dentro do propio sector, que estas empresas e autónomos exercen para que a xestión forestal galega poida ser desenvolta. Existe un grande descoñecemento, incluso no ano 2025, do traballo e impacto do mesmo que este tipo de empresas desenvolven no territorio. Hai unha falta de identificación sobre a labor realizada. Este tipo de actividade é realizada tamén pola administración pública, empresas de servizos non especializadas en xestión, outro tipo de colectivos e organizacións, onde se perden entre a néboa os verdadeiros xestores profesionais a nivel forestal.
Unha consecuencia disto é a falta de interese dos novos estudantes en cursar esta profesión, onde unha grande parte de estudantes se reciclou en actividades coma a enxeñería civil, o ensino, etc.
- Como traballa Bioeco2 para paliar isto?
Bioeco2 non só traballa para dar apoio e visibilidade aos socios, senón a todas aquelas empresas de consultoría e enxeñería forestal dedicadas á xestión ambiental e forestal, que necesitan ter o seu espazo profesional con garantías de futuro, porque deste xeito promoverase o futuro do sector forestal galego, dos seus montes, produtos e a súa biodiversidade. No colectivo hai persoas especializadas en tecnoloxía da madeira e outros produtos, a ordenación do territorio, a certificación forestal, dixitalización, comercialización, prevención de incendios, a realización de proxectos, etc.
- Con que outros desafíos se atopan?
O outro desafío é a formación continua, a adaptación, e a comprensión da realidade económica social e ambiental actual. Entender as inquedanzas dos propietarios e tamén a apertura a traballar fóra do habitual, con outras empresas e realidades profesionais que van enriquecer as metas buscadas. É preciso o empoderamento e a valoración sobre o importante que é aplicar solucións aos innumerables retos que están por vir e incorporar ao traballo esta responsabilidade. Podemos enumerar xenericamente a loita contra o cambio climático e os desafíos que amosa, ou o fomento da cultura forestal nun contexto de despoboamento.
Estes temas tan amplos teñen unha resposta concreta en accións, contacto, relacións co medio e os seus usos, aplicación de leis, deseño de solucións nos campos do fomento e protección dos servizos dos ecosistemas, dixitalización, etc. Cando se di de forma xeral ante un determinado suceso ou pensamento “hai que fomentar a xestión forestal”, son os profesionais como os que representa Bioeco2 os que deben ter todas as ferramentas necesarias para poder levala a cabo, apoiados no resto do sector, na Administración e nos centros de formación ou innovación.
- Que iniciativas levaron a cabo nestes anos?
A parte máis importante foi a creación de un espazo seguro, onde as diferentes empresas e autónomos se atoparan confortables para emprender este camiño e iniciar un debate sobre as cuestións que máis nos afectaban inicialmente. É importante porque non había antecedentes dunha asociación de empresas con estes fins e obxectivos.
Dentro das actividades realizadas, a formación e a divulgación formou parte fundamental, así como a presencia do propio colectivo en eventos ou foros, mesmo no Galiforest, da man de Xera.
Téñense desenvolvido ferramentas como Mercamadeira, un mercado online de venda de madeira, e a participación en proxectos de innovación xunto con outras empresas, como BiomáisCo2 por exemplo.
Púxose en marcha un manual para propietarios forestais, no marco do Plan Social de Ence, que foi moi ben acollido polos propietarios forestais, e segue a elaboración de artigos na revista Conecta Savia, realizada conxuntamente co Clúster da Biomasa de Galicia, onde esperamos seguir a crear contidos de actualidade e interese.
- Bioeco2 acaba de incorporarse a Viratec. Que os motivou a unirse ao clúster e que esperan da súa participación?
Seguindo co dito anteriormente, é bondade da Asociación intervir nas cuestións de actualidade, formar parte de foros e contornas profesionais que dean apoio ao traballo que xa se ven realizando, e xerar oportunidades tanto de negocio como de aprendizaxe. So é posible avanzar a través do traballo en equipo e o fomento de espazos de colaboración en intereses comúns. Esa foi a motivación de achegarnos ao clúster Viratec, onde consideramos que podemos realizar unha aportación positiva en ámbolos dous sentidos.
- Recentemente asistiron á primeira edición do Atlantic Green Hub, organizado por Viratec e Aclima. Que lles aportou? Como valoran a posta en marcha deste tipo de iniciativas que buscan tecer alianzas para avanzar na transición ecolóxica?
A experiencia foi moi interesante. Nese tipo de formatos interveñen diferentes propostas, ás veces fora do noso ámbito, outras máis preto da nosa actividade, pero sempre dentro dun contexto de sostibilidade, que é a base teórica da nosa actividade, polo que sentimos que podemos aportar e aprender como antes se comentou.
É tamén moi interesante o coñecemento tanto de novas tecnoloxías, como da comprensión do concepto da innovación para aumentar as oportunidades de ofrecer solucións e servizos no ámbito do emprendemento, xestión forestal sostible e, por suposto, do medio natural.
- A xestión forestal sostible é clave para a descarbonización da economía. Como contribúe Bioeco2 á mitigación do cambio climático e ao impulso da bioeconomía circular en Galicia?
Deixando de lado os novos conceptos que nos chegan e as novas accións concretas que se van ter que realizar co obxectivo de acadar un maior impacto nestes aspectos, a posibilidade de aplicar os coñecementos sobre o territorio (planificación, accións/actuacións, mantemento, seguimento e recollida dos produtos), é a base da xestión forestal sostible, e polo tanto da actividade da maioría dos membros da Asociación.
Evidentemente, non é unha actividade simple, ao contrario. Non está exenta de riscos, retos e contratempos de toda clase para que se chegue a alcanzar todos os obxectivos marcados (restauración, produción, conservación, etc.). Sen embargo, é moito máis efectivo realizar esta labor facendo zoom inverso ao mapa, creando un espazo de coñecemento e colaboración onde entre todos e todas se poida actuar positivamente na mitigación ou adaptación a través da resiliencia ao cambio climático e, polo tanto, aos problemas de sanidade vexetal, incendios, conservación a biodiversidade, etc. que vai provocar.
- Que oportunidades identifican para incorporar tecnoloxía, dixitalización e novos modelos de negocio no sector forestal galego?
Este é un camiño que é preciso percorrer, porque como se comenta na pregunta anterior, precisamos traballar cun coñecemento maior e a escala adecuada para poder afrontar o futuro. Algo que xa percibimos, e no que seguimos a traballar, é a necesidade de compartir información e a xestionar correctamente os datos que o territorio e os nosos procesos nos aportan. Xa non podemos falar de unha xestión forestal sostible eficaz sen a incorporación e uso de toda tecnoloxía que estea ao noso alcance e, como ben di a pregunta, xerará novos modelos de negocio no futuro inmediato.
- Desde a súa experiencia, que papel debe desempeñar a sociedade civil na conservación e no uso responsable do patrimonio natural? Como se pode fomentar unha cultura de responsabilidade ambiental en Galicia?
Formación, divulgación e prioridade no “tema” público. Atopámonos nun contexto de esgotamento de recursos, globalización, cambio climático, perda de biodiversidade, e desequilibrio ambiental (especies invasoras, etc.). Sen dramatismos, o contexto económico global deuse de conta por unha simple cuestión de supervivencia de que a solución está en crear sistemas sostibles. O papel da xestión forestal, mariña e agrogandeira (sectores primarios), xunto coa pata tecnolóxica, son a base da supervivencia dun mundo que pode mudar nos próximos anos, se a sociedade non é consciente do valor do desenvolvemento sostible destas actividades, e o valor que aportan os que o promoven.
- Ollando cara ao futuro, cales son os principais retos e metas que Bioeco2 se propón para os vindeiros anos en materia de sostibilidade ambiental?
Pódese dicir que os retos e metas en canto a sostibilidade ambiental van ir vindo de instancias superiores como por exemplo a UE, e darémonos de conta de que vai afectar incluso a quen desenvolve a súa actividade lonxe desta materia. Así que un xeito é ir adaptándonos as regulacións, normas e camiños que nos marquen. Outra forma é saber ler o contexto actual a medio prazo e adiantarnos por ben do medio ambiente, por unha crenza firme na importancia desta materia, e por unha oportunidade de desenvolvemento de novas actividades profesionais.
Sen obviar a pertenza a unha actividade que vive dentro do marco da sostibilidade ambiental, sen a cal sería máis difícil exercer, é preciso afondar en todas as cuestións comentadas ata de agora. Formación, coñecemento, colaboración e uso de novas tecnoloxías. É moi importante dar valor ao traballo destes profesionais, e fomentar a relación con todos os colectivos, entidades e profesionais que nos acompañan.