O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ten aberta unha liña de axudas destinada á posta en marcha de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular.
Publicadas no DOG do 18 de xullo, as bases reguladoras das axudas detallan que os apoios serán do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas e do 25% para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros nos de carácter individual.
Tal e como recolle o Igape na súa páxina web, a finalidade dos proxectos para os que as pemes soliciten apoio económico -prazo ata o 8 de setembro- debe ser “o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais que impliquen reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de residuos, subprodutos ou desfeitos. Todo iso, engade o organismo dependente da Xunta de Galicia, “coa tendencia de converter os residuos en recursos de uso noutros procesos produtivos”.
Perte de Economía Circular
Durante a presentación da nova liña de axudas, o director do Igape, Fernando Guldrís, referiuse tamén ao Perte de Economía Circular, o cal, afirmou, “é moi interesante pola natureza transversal dalgunha das súas liñas de actuación”. Así, destacou, este instrumento de colaboración público privada para a recuperación económica inclúe nunha das súas liñas “acciones para a redución de materias primas, ecodeseño, xestión de residuos e dixitalización”; ademais, engadiu, atende a sectores específicos como o téxtil, o do plástico ou o das enerxías renovables.