Viratec celebrou hoxe, 10 de xullo, en Santiago de Compostela, unha nova sesión do seu programa Conversas de 10 baixo o título ‘Territorio e Infraestructura Verde’.
O encontro, que tivo lugar na Fundación RIA, empezou cunha entrevista a Manuel Rodríguez, director da Fundación RIA, da man de Pedro Tasende, director de Aporta Comunicación. Nela abordáronse a orixe e obxectivos de Fundación, a importancia de comunicar sobre as infraestruturas verdes e que se pode aprender dun territorio como Galicia para modelizar un desenvolvemento sostible e perdurable no tempo.
“A planificación territorial debe buscar unha lóxica ecosistémica”, sinalou Manuel Rodríguez. Por iso, desde a Fundación RIA estudan en detalle as problemáticas de cada zona para ofrecer solucións aliñadas co uso tradicional en consonancia coa protección do espazo.
Ademais de abordar o papel da infraestrutura verde na actualidade, o director da Fundación RIA explicou que é necesario falar tamén da infraestrutura azul “porque as concas fluviais e as nosas rías son o eixo do desenvolvemento das nosas actividades e forma de vida, como a pesca, o marisqueo e a produción de alimentos”.
A continuación tivo lugar unha mesa redonda para analizar esta temática baixo a perspectiva de grandes profesionais, moderada por Sonia Suárez, xestora científica en CRETUS-USC, e na que participaron: Laura Arrieta, experta en Solucións Baseadas na Natureza (Veolia), Antonio Ranedo, xefe de Servizo de vías e Obras (Concello de Santiago de Compostela), María Paz Sangiao, experta en Certificación de Construción Sostible (ITG-BREEAM), Jordi Otero, experto en Capital Natural e Servicios Ecosistémicos (CRETUS-USC), e Manuel Rodríguez, experto en Planificación Territorial Estratéxica (Fundación RIA).
Tendo en conta que as solucións baseadas na natureza supoñen accións que imitan o que ocorre na contorna de forma natural, os cinco expertos coincidiron na necesidade de facer proxectos útiles para a cidadanía e o territorio. Para iso é vital que haxa un punto de encontro entre a arquitectura, a planificación territorial e o sector ambiental para conservar e protexer a natureza e mellorar a calidade de vida.
Desde Viratec e a Fundación RIA compartimos a visión de impulsar a economía circular como panca de crecemento en Galicia. Este encontro axudou a poñer en valor o papel de cada axente e a importancia das colaboracións para desenvolver, apoiar e difundir proxectos sostibles.
Conversas de 10 é un proxecto do Clúster que busca favorecer o coñecemento e a divulgación sobre economía circular e solucións ambientais, co fin de impulsar a transición da economía cara á sustentabilidade, en e desde Galicia. Cada edición deste evento celébrase nunha localidade galega, para achegarse así ás diferentes entidades socias e ao sector ambiental da comunidade.