Francisco Iglesias, director de Neozic: “Traballamos para que os residuos das empresas se reintroduzan na cadea de valor como materia prima”

A constante actualización do marco lexislativo trae novas esixencias para as empresas, que necesitan de guía experta para axustarse a estes cambios normativos, novos impostos e requisitos de xustificación ante aos diferentes organismos.

Nesta entrevista, Francisco Iglesias, director de Neozic, comparte a visión integral da empresa, que incorpora os criterios de sustentabilidade á cadea de valor dos seus clientes, un factor diferencial como consultores de negocio que demostra a súa capacidade para adaptarse a multitude de sectores.

A orixe da empresa é no 2015, cando, tras 15 anos como director dunha planta de reciclaxe, Francisco Iglesias chegou á conclusión de que había un campo de mellora aínda por percorrer para as empresas na xestión dos seus residuos. A partir de aí nace o seu proxecto, que centra a súa actividade en dúas áreas principais: Consultoría e xestión de residuos.

A semana pasada, tras máis de 10 anos de traxectoria e moitos fitos alcanzados, Ziclos muda o nome da marca a ‘Neozic’, reflectindo a súa esencia actual: mesmo compromiso con cada cliente e cada proxecto, mais cunha identidade que reflicte mellor quen son e cara onde van.

Acabades de dar un importante paso na traxectoria da empresa: o cambio de Ziclos á nova marca, Neozic. Que hai detrás deste cambio e que queredes transmitir con esta nova identidade?

A idea principal é transmitir unha nova imaxe máis adaptada aos tempos actuais e afrontar unha nova etapa con un salto cualitativo de cara a profesionalizar aínda máis cada unha das áreas nas que traballamos.

Cales son os principais obxectivos que vos marcades nesta nova etapa?

Despois de 10 anos de traballo con clientes moi concretos, o principal obxectivo é ampliar o noso ámbito de traballo. Poder chegar a máis empresas, sectores e países.

Ao longo da vosa traxectoria traballastes en múltiples ámbitos da sostibilidade ambiental e da economía circular. Que sectores e tipoloxías de proxectos teñen hoxe máis peso na vosa actividade?

O sector téxtil continúa representando unha parte moi importante do noso traballo, pero por sorte conseguimos entrar en outros sectores como alimentación, loxística, automoción, etc. En canto aos proxectos máis importantes, hoxe en día son os que implican unha circularidade completa. É dicir, traballamos para que os propios residuos das empresas poidan converterse en recursos e se reintroduzan na cadea de valor como materia prima dos seus produtos e embalaxes, tanto no ámbito nacional como internacional.

A lexislación medioambiental avanza a un ritmo acelerado. Como está a afectar este contexto normativo á demanda dos vosos servizos?

Estamos tendo unha demanda importante de servizos relacionados cos cambios normativos. Os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor, os novos impostos e os requisitos de información cara os diferentes organismos supoñen unha esixencia importante para moitas empresas. Nós tratamos de axudarlles a que cumpran con eses requisitos de forma correcta e que non asuman custos que non lles corresponden.

Sodes especialistas na certificación Zero Waste para empresas. Que implica a obtención deste selo? Que achega ás compañías máis alá do cumprimento normativo?

A certificación Zero Waste coa que nós traballamos é a certificación “TRUE ZERO WASTE”, que está emitida polo GBCI, un dos organismos con máis prestixio a nivel internacional no ámbito do medio ambiente. Nesta certificación non só se avalía a xeración de residuos e o cumprimento normativo, senón que se teñen en conta moitos outros factores que cualifican de forma obxectiva o comportamento no ámbito medioambiental.

Si se obtén a certificación, se poden acadar diferentes niveis de recoñecemento – Certificado, Prata, Ouro e Platino- o que permite a cada empresa saber exactamente onde está e cara onde pode avanzar. E aquí é onde entra un elemento que nos diferencia: somos TRUE Advisor, unha figura acreditada polo propio GBCI para guiar e acompañar ás empresas en todo o proceso de certificación. Non somos simples consultores externos, somos parte recoñecida do sistema. A día de hoxe levamos varios proxectos certificados, con empresas de referencia a nivel nacional e internacional.

No voso traballo con residuos plásticos e téxtiles, podedes compartir algún proxecto que ilustre como acompañades a unha empresa desde o diagnóstico ata a implantación dunha estratexia circular?

Como exemplo, falemos do proxecto no que estamos participando relativo á circularidade de residuos plásticos de embalaxe de prendas: Actualmente estamos coordinando a recollida de plásticos de polietileno que se xeran en case toda a cadea produtiva dunha multinacional téxtil en varios países. Despois de proceder á recollida, enviamos estes embalaxes a procesos de reciclaxe en cada un dos emprazamentos para fabricar un granulado que será reintroducido na fabricación de novas embalaxes para as prendas. Deste xeito, conseguimos pechar o círculo de forma completa.

A Responsabilidade Ampliada do Produtor é unha obriga legal para moitos sectores, pero aínda xera moita confusión. Desde Neozic ofrecedes acompañamento integral, desde a inscrición no Rexistro de Produtores ata a definición de estratexias de cumprimento, a adaptación ao ecodeseño e o reporte á administración. Cales son as principais dificultades que están a atopar as organizacións neste proceso e como lles axudades a abordalas de forma eficiente e competitiva?

Por exemplo, no caso concreto das embalaxes, as empresas teñen moitas dificultades para conseguir a información que teñen que reportar ás administracións e aos Sistemas de Responsabilidade Ampliada, porque están acostumadas a referenciar produtos, pero non as embalaxes que os acompañan. Ademais, ter que diferenciar residuos industriais, comerciais e domésticos nos produtos que poñen no mercado supón esixencias de control sobre toda a cadea de subministro que non sempre son fáciles de definir.

Por outro lado, se temos en conta que teñen que asumir custos que antes non estaban contemplados en función de todas esas variables, o proceso non é nada sinxelo. Nós entendemos que é fundamental contar cunha consultora de apoio no proceso.

Neozic aposta pola formación como panca de cambio nas organizacións. Que papel xoga a capacitación na transición cara a modelos máis circulares? Que demandan
actualmente as empresas neste aspecto?

Para nós é fundamental. Ata non fai moito, os residuos eran algo que non preocupaba demasiado na maioría das empresas, pero coa evolución que está habendo en canto a aumento de custos, novos impostos e requisitos, se non se fai unha formación sobre todo o que implican os residuos e como xestionalos, non será posible ser eficiente nestes procesos.

Como entidade asociada a Viratec, que valor vos achega formar parte do Clúster e como contribúe a reforzar o voso posicionamento e oportunidades de colaboración?

Consideramos moi importante que unha entidade como Viratec, coas súas iniciativas e actividades, sirva para aportar coñecemento a todos os que formamos parte do Clúster. Ademais, entendemos que Viratec tamén debe desenrolar unha labor moi importante de contacto coas Administracións, de tal forma que se poidan adiantar aos cambios liderados por Europa e que Galicia poida ser un referente nesta evolución, que é imparable.

SHARE