Atlantic Green Hub, un espazo pioneiro para impulsar a competitividade ambiental no eixo Atlántico

Atlantic Green Hub reunirá ás principais empresas do sector ambiental e restos de sectores industriais estratéxicos os días 23 e 24 de outubro en Santiago de Compostela, nun encontro organizado polas agrupacións industriais ambientais Viratec (Galicia) e Aclima (Euskadi).

O evento presentouse o 1 de xullo, en Santiago de Compostela, e busca achegar ao sector empresarial alternativas que axuden ás empresas a acelerar a súa transición ecolóxica, para ser máis competitivas nun mercado cada vez máis globalizado e esixente en normativa.

Baixo o lema ‘Empowering clean and competitive industry’, o foro está dirixido a empresas de tódolos sectores produtivos, entidades e institucións que busquen transitar con éxito cara  modelos de xestión circulares e competitivos.

Tal e como apuntou durante o acto de presentación a presidenta de Viratec, Josefa de León, “Atlantic Green Hub é máis que un foro ou un congreso ao uso, é un espazo para fomentar as oportunidades de desenvolvemento de negocio, xerar intercambios de coñecementos, investigación e de valor a través da integración dos aspectos ambientais na estratexia central dunha organización.”

Mixtura de empresas

Durante os dous días que dure o encontro profesional crearanse instancias para promover alianzas entre entidades de diferentes sectores. “Con iso impulsarase a circularidade e descarbonización das industrias en clave de competitividade en ámbitos como os residuos, a auga ou a redución de emisións, entre outros”, avanzou o presidente de Aclima, Xabier Caño.

Altantic Green Hub permitirá coñecer experiencias e empresas líderes na transformación verde da economía nun territorio de referencia ambiental como é o eixo Atlántico.

Así mesmo acollerá unha análise institucional sobre a necesidade de avanzar cara a unha economía neutra en carbono e competitiva, no que participarán diferentes comunidades autónomas da área de influencia do Eixo Atlántico. Tamén incluirá un espazo de networking e zona feiral na que se desenvolverán eventos paralelos e relatorios relacionados coa temática.

O encontro nace coa idea de ser unha cita anual que desenvolverá o próximo ano en Euskadi.

O acto de presentación contou coa participación do director de competitividade do Igape, Norberto Penedo, quen destacou que “este hub formulouse como un punto de saída non só do sector ambiental, senón tamén para que as nosas industrias se empoderen y sexan capaces de competir con responsabilidade e con capacidade económica”.

Eixo Atlántico

O Atlantic Green Hub é un espazo pioneiro e de referencia en sustentabilidade ambiental, grazas ao seu firme compromiso coa descarbonización e a economía circular.

Esta alianza estratéxica non só reforza a cooperación interterritorial, senón que posiciona ao noroeste peninsular como un laboratorio de innovación verde, onde se impulsan solucións integradas para unha transición ecolóxica xusta e eficiente. Este HUB nace precisamente coa vocación de dar visibilidade a este liderado compartido, fomentar o negocio sostible e o intercambio de boas prácticas que anticipen o modelo de desenvolvemento sostible do futuro e a competitividade empresarial.

Programa e inscricións

As entidades interesadas en participar no Atlantic Green Hub, poderán inscribirse a través da web do evento www.atlanticgreenhub.com Aquí tamén poderán consultar o programa do encontro que se celebrará o 23 e 24 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, e toda a súa actualidade.

SHARE