“Transferencia de coñecemento para mellorar a xestión ambiental na empresa galega: oportunidades do Programa Ignicia” foi o título da xornada organizada por Viratec co apoio do Programa Ignicia – Transferencia de coñecemento, iniciativa promovida pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Fundación Barrié.
O acto, inaugurado por Patricia Fernández, directora da Área de Servizos da GAIN, e Josefa de León, vicepresidenta de Viratec, celebrouse o pasado 12 de decembro en formato presencial e on line, dende a sede da Axencia Galega de Innovación, en Santiago de Compostela.
Patricia Fernández e Carlos Sánchez, xefe do Departamento de Servizos da GAIN, presentaron o Programa Ignicia na súa modalidade de Proba de Concepto, para dar a coñecer os seus resultados e as oportunidades para o desenvolvemento de proxectos de valorización.
Ana Botas, xerente de Viratec, moderou os dous paneis de expertos que abordaron a identificación de retos empresariais e solucións dos centros de coñecemento do Sistema Galego de I+D+i nas temáticas do tratamento de residuos agrícolas e gandeiros, e, por outra banda, de augas residuais.
No primeiro caso, o panel correu a cargo de José Antonio López-Sierra, enxeñeiro agrónomo, director de Inse Control Consultoría Técnica S.L; Adrián Rodríguez, xerente de desenvolvemento de negocio no Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM); e Jorge Domínguez, investigador principal do grupo de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo.
Do tratamento das augas residuais falaron José Ramón Vázquez, xerente no Departamento de Innovación de FCC Aqualia; Luis Felipe Fernández, director de Ecolagunas Sistemas de Depuración Sostenible; José Anta, investigador principal do Grupo de investigación en Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) adscrito ao CITEEC da Universidade da Coruña; e Anuska Mosquera, investigadora Principal do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais, (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela.
A sesión complementouse coa celebración de reunións entre empresas e grupos de investigación participantes, de cara á identificación de oportunidades para a colaboración en actividades de I+D+i.