O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, Viratec, organizou o xoves 8 de febreiro unha visita para as súas entidades asociadas á biofábrica de Ence en Pontevedra. Os visitantes puideron coñecer as instalacións da empresa e o proceso de produción de pasta de celulosa de eucalipto, no cal a entidade é líder en Europa.
A xornada empezou cunha intervención do director de Calidade, Medio e Sostibilidade de Ence, Carlos Casas, que achegou aos visitantes o traballo realizado pola compañía e o seu desempeño a nivel ambiental e social. Segundo explicou, Ence en Pontevedra crea máis de 400 empregos directos na biofábrica e máis de 5000 indirectos en Galicia, cunha achega ao PIB de 459 millóns de euros. A planta, que ten unha capacidade de produción de 515.000 toneladas ao ano, é unha das dúas únicas de Europa que produce pasta de papel totalmente libre de cloro (TCF: Total Chlorine Free) a partir de madeira de eucalipto.
Posteriormente, o grupo coñeceu as instalacións da fábrica, onde foron guiados polos diferentes pasos do proceso produtivo: desde o descortezado e astillado da madeira de eucalipto cultivada en plantacións certificadas de Galicia e Asturias, ata o lavado, branqueo e secado da celulosa para a súa posterior comercialización. Ao redor do 95 % da celulosa que produce Ence destínase á exportación, principalmente a países do Norte de Europa, co selo de calidade ambiental Nordic Swan.
Ademais, a biofábrica revaloriza todos os seus residuos e con boa parte deles, os restos forestais e a biomasa que resulta da separación da cortiza, xera enerxía eléctrica renovable coa que logra a autosuficiencia enerxética das instalacións.
A visita á biofábrica de Ence está enmarcada na programación anual que Viratec ofrece ás súas entidades asociadas, coa finalidade de potenciar a creación de sinerxías e posibles colaboracións entre as mesmas, así como con diferentes organizacións do tecido industrial galego.