Viratec reúnese coa conselleira Ángeles Vázquez para tratar sobre a lei de aproveitamento dos recursos naturais

A titular de Medio Ambiente da Xunta de Galicia explicou as claves da futura norma xa en trámite, destinada a garantir os beneficios sociais e económicos nos territorios nos que se desenvolven proxectos de compoñente tecnolóxico e baseados nos recursos naturais.

Representantes da Xunta Directiva e da xerencia de Viratec encabezados polo seu presidente Iván José Vicente recibiron nas oficinas do clúster á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, co fin de coñecer de primeira man os obxectivos da futura lei de aproveitamento dos recursos naturais que tramita o Goberno galego, como punto de partida para valorar posibles suxestións á norma.

Na xuntanza, enmarcada na rolda de consultas que a Xunta de Galicia realiza en torno ao novo texto legal, Ángeles Vázquez sinalou a Viratec como un exemplo para outros sectores, asegurando que o Goberno galego comparte o modelo do clúster de compatibilizar a actividade económica co desenvolvemento sustentable da sociedade galega e a preservación do medio ambiente.

A norma céntrase nos proxectos que aproveitan os recursos naturais mediante a aplicación dalgunha tecnoloxía avanzada e contempla que nestes casos, a avaliación ambiental vaia acompañada dunha análise dos beneficios sociais e económicos derivados. Deste modo, estableceríanse medidas de compensación que revertan na comunidade unha parte dos beneficios do proxecto.

Segundo explicou a conselleira no encontro, ademais de reunir todas as cautelas ambientais, en cada proxecto valoraranse os impactos da súa execución, os compromisos adicionais que presenten os promotores, e a posible repercusión no medio natural no que se vai desenvolver.

COMPARTIR