Viratec retoma o ciclo Conversas de 10 en Lugo cunha xornada sobre circularidade no sector primario

Viratec retomou este 10 de outubro en Lugo o ciclo Conversas de 10, centrado nesta ocasión na circularidade no sector primario.

Viratec retomou este 10 de outubro en Lugo o ciclo Conversas de 10, centrado nesta ocasión na circularidade no sector primario. O evento, que contou coa colaboración do Concello de Lugo, celebrouse no Edificio Impulso Verde do Barrio Multiecolóxico do proxecto LIFE Lugo+ Biodinámico, e tamén se emitiu vía streaming.

A xornada comezou cunha mesa redonda moderada por Ana Botas, xerente de Viratec, na que participaron Carlota López Pardo, adxunta a dirección do Grupo Aresa; José Antonio López, director de Inse Control; e Laura Aldariz Muinelo, técnica de Tecgal Enerxías e técnica de Granxa Varela Labrada. Tamén interviñeron Iago Jove, técnico de bioenerxía de Norvento, e Leticia Regueiro, responsable de innovación de Medrar Smart Solutions.

Grazas á participación destes cinco representantes de entidades lucenses, quedou de manifesto o esforzo do sector primario para promover un impacto positivo tanto a nivel ambiental como social. Desenvolvéronse diferentes exemplos que favorecen a sustentabilidade nas empresas agrícolas e gandeiras, aplicando estratexias innovadoras en colaboración coas universidades e con outras entidades asociadas a Viratec.

A continuación, Josefa de León, vicepresidenta de Viratec, entrevistou a Montserrat Valcárcel Armesto, doutora en Enxeñería Agroforestal do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, cuxas liñas de investigación están centradas na xestión da auga e o desenvolvemento rural. Na entrevista abordáronse algúns dos retos do sector rural tanto en Lugo como en Galicia, así como a contribución que achega o Campus Terra ás empresas do sector. Tamén se reflexionou sobre o repunte do interese pola enxeñería agrícola no ámbito universitario desde os últimos anos.

Conversas de 10 é un proxecto do clúster que busca favorecer o coñecemento e a divulgación sobre economía circular e solucións ambientais, co fin de impulsar a transición da economía cara á sustentabilidade, en e desde Galicia. Cada edición deste evento celébrase nunha localidade galega, para achegarse así ás diferentes entidades socias e ao sector ambiental da comunidade.

A xornada “A circularidade no sector primario” do Ciclo Conversas de 10 está dispoñible na nosa canle de Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=9bKKkZ40mFc

 

COMPARTIR