VIRATEC recibe financiamento para acelerar a economía galega a través dun modelo produtivo e social sustentable

  • O Clúster promoverá actuacións de interese urxente para contribuír ao desenvolvemento sostible e a economía circular.
  • Desenvolver o sector das tecnoloxías ambientais contribuirá de forma notable ao PIB de Galicia.
  • VIRATEC é un Clúster transversal que integra a 58 empresas e entidades que representan unha facturación de máis de 2.000 millóns de euros.

 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021.- VIRATEC, o Clúster das solucións tecnolóxicas ambientais e da economía circular, resultou beneficiario da convocatoria de axudas de Clústers emerxentes que acaba de resolver a Xunta de Galicia. Esta nova liña de axudas activada este ano ten como obxectivo apoiar e fomentar a actividade de novos Clústers que teñen como obxectivo o impulso da transformación dixital e a mellora da competitividade das pemes galegas.

VIRATEC conta coa participación de 58 empresas e entidades que representan unha cifra de negocio de 2.000 millóns de euros. As solucións ambientais e o desenvolvemento da economía circular é unha actividade transversal que devén en estratéxica en cada vez máis sectores primarios, industriais e de servizos, implicando a aqueles sectores que aposten polo desenvolvemento sostible e a actividade industrial respectuosa co medio ambiente.

VIRATEC aúna esforzos público-privados en pos dun desenvolvemento das solucións ambientais e un fomento da colaboración entre axentes en beneficio mutuo, entendendo que a competitividade en solucións ambientais é a competitividade do futuro. Desta maneira ten como obxectivo modernizar a industria galega e o seu tecido empresarial a través do impulso de políticas que favorezan a súa competitividade a través da innovación e a transformación dos seus modelos produtivos baseados na Economía Circular e que contribúan á sustentabilidade e á transición cara á neutralidade climática.

Os fondos da axuda destinaranse ao desenvolvemento do plan estratéxico e o seu perfeccionamento, a posta en marcha de dúas unidades, unha de proxectos tractores e outra para o apoio á internacionalización e acceso a mercados exteriores; e a organización de iniciativas orientadas a promover as Estratexias galega, estatal e europea asociadas á economía circular.

Actuacións dirixidas á dinamización da actividade económica de Galicia

O Plan estratéxico 2021-2024 de VIRATEC, que está en elaboración, sustentarase en seis piares: promoción da excelencia na capacidade tecnolóxica; fomento da cooperación entre as empresas do sector; implicación nos desafíos medio ambientais locais e globais; identificación das oportunidades internacionais para as empresas do sector; sensibilización e Divulgación dunha cultura de Medio Ambiente; e contribución ao desenvolvemento sostible de Galicia. Este plan que integra a toda a cadea de valor concretarase en accións singulares que validen os programas do plan.

VIRATEC impulsará unha Unidade de proxectos tractores colaborativos, onde poidan participar axentes e empresas do sector das solucións ambientais, orientada a captar financiamento europeo para a dinamización de iniciativas de I+D+i asociadas a tecnoloxías ambientais facilitadoras alienadas cos piares estratéxicos do Clúster. Esta unidade tamén dará apoio técnico na presentación de candidaturas aos diferentes instrumentos para a captación de fondos europeos ou doutros países (USA, India, China ou Israel). De igual maneira, poñerase en marcha unha Unidade de apoio á internacionalización e acceso a mercados exteriores.

Por último, os fondos concedidos na axuda a Clústers emerxentes tamén apoiarán o lanzamento de iniciativas orientadas a promover as Estratexias galega, estatal e europea asociadas á economía circular a través de actuacións orientadas á dinamización, formación e divulgación dos aspectos craves identificados nestas estratexias vinculadas á economía circular.

COMPARTIR