O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) adxudicou ao Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) a realización de obradoiros en materia ambiental para levar a cabo entre xuño de 2024 e xuño de 2025, no marco do programa ‘Obradoiros multidisciplinares de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada’.
Os diversos talleres agrúpanse en tres proxectos, en función da súa temática: valorización de residuos téxtiles e plásticos; xestión da auga, e racionalización do uso de recursos e a reutilización de residuos. Para levalos a cabo, Viratec conta coa colaboración de Ingenyus, Medrar Solutions y EOSA.
Valorización de residuos téxtiles e plásticos
Con Ingenyus levará a cabo obradoiros de xestión e valorización de residuos téxtiles e plásticos, nos cales se incluirá a identificación de tecnoloxías, procesos, provedores e convocatorias para financiar os proxectos. O obxectivo é impactar positivamente na redución destes residuos, pero tamén na valorización dos mesmos mediante procesos innovadores.
Estes obradoiros enfocaranse cara á ecoindustria e diríxense a empresas de téxtiles, residuos, chans, bioenerxía, enxeñería, innovación ambiental e economía circular.
Xestión da auga
O proxecto con Medrar Solutions consiste en realizar obradoiros para coñecer e avaliar as tecnoloxías actuais para mellorar a xestión da auga en aspectos operacionais ligados a EDAR urbanas, industriais, potabilización, etc. A través de metodoloxías propias probadas e con dinámicas de grupos, buscarase xerar sinerxías entre os participantes que respondan a necesidades particulares e comúns e que poidan conseguir resultados tanxibles en formas de proxectos de I+D+i, entre outras.
Racionalización do uso de recursos e a reutilización de residuos
O clúster Viratec e EOSA realizarán un proxecto conxunto que ten dous obxectivos fundamentais: por unha banda, unindo a entidades asociadas a Viratec e ao Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), preténdese maximizar a racionalización do uso de recursos e a reutilización de residuos, reducindo custos e ofrecendo produtos e servizos máis sostibles e competitivos, logrando un mellor posicionamento ante o auxe de novos nichos e mercados. Doutra banda, estes encontros tratarán de fortalecer os vínculos entre as distintas empresas do sector, favorecendo o desenvolvemento de vínculos e proxectos que transcendan ao propio obradoiro.