O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (VIRATEC) celebrou hoxe no Parque Natural de Corrubedo unha xornada con motivo do 50 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente, que congregou unha importante presentación súas entidades asociadas ao clúster, que suman un total de 70 organizacións entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades.
No encontro abordouse o tema protagonista deste 5 de xuño, que Nacións Unidas quixo dedicar ao problema da contaminación dos plásticos que sofre o planeta. Diversos expertos das entidades integradas en Viratec relataron as súas experiencias e visións e celebráronse mesas de traballo para valorar as posibles iniciativas para poñer en marcha dende o clúster en resposta a este tipo de contaminación.
A xornada contou coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ánxeles Vázquez; a directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo; a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos; e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz.
No transcurso da xuntanza deuse lectura á posición de Viratec no reto da contaminación dos plásticos recollida na II Declaración de Viratec polo Día Mundial do Medio Ambiente, destacando a urxencia dunha actuación decidida tamén na nosa comunidade, a falta dun estudo rigoroso sobre a presenza e a caracterización de lixo plástico nos diferentes espazos naturais.
Neste sentido, o clúster reafirmouse como ecosistema experto para dar resposta aos retos medioambientais que afectan a Galicia e nesta tarefa reclamou o compromiso e o investimento da Administración “para facer do noso sector un vector de desenvolvemento da nosa economía, da nosa sociedade e, por riba de todo, do medio ambiente”, xerando oportunidades de emprego verde e impulsando unha transformación responsable dos modos de producir e vivir, contando co coñecemento e a experiencia que atesoura o ecosistema de Viratec.
En similares termos expresouse o presidente do clúster, Iván José Vicente, baseándose nas conclusións de 50 científicos que a través da revista Nature sinalan a grave situación actual, posto que tras cuantificar os límites seguros e xustos para preservar a saúde do Planeta, certifícase que estas “liñas vermellas” tense superadas non só no relativo ao cambio climático senón tamén en materia de biodiversidade, calidade da auga doce, fertilizantes e contaminación do aire, entre outros aspectos. Por isto, engadiu, “máis que nunca faise especialmente importante o traballo, o coñecemento e o investimento que realizamos os que nos atopamos baixo o paraugas de Viratec”, ante a urxencia de frear o deterioro progresivo do que alerta toda a comunidade científica.
Os sectores presentes en Viratec
No Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular están representados os principais sectores relacionados coas solucións ambientais e a economía circular, na seguinte proporción: ciclo da auga (25%), enxeñaría (2%), valorización de residuos (41%), universidades e centros tecnolóxicos (4%), consultoría (3%), e enerxía (27%). En total, 70 entidades asociadas que suman máis de 1.000 millóns de euros de facturación e xeran ao redor de 4.000 empregos directos.
Neste ecosistema estanse a desenvolver múltiples proxectos de innovación, con financiamento público e privado, relacionados coa circularidade do plástico en ámbitos como os plásticos biodegradables, a reciclaxe e a revalorización, a detección de microplásticos nas augas, ou a valorización de plástico de residuos poliméricos, entre outros, superando no seu total un investimento superior aos 2 millóns de euros.