Inova (Inovalabs Digital) é unha empresa de consultoría de innovación e tecnoloxía con oficinas en Vigo que en 2023 fai 20 anos de vida. Cunha orixe vinculada á consultoría estratéxica e á excelencia operacional na industria, na actualidade presta servizos nos ámbitos de innovación, dixitalización, sostibilidade e economía circular. Conta cun equipo de máis de 20 persoas con titulacións de enxeñería industrial, enxeñería de telecomunicacións, enxeñería química, enxeñería de enerxía, enxeñería informática, económicas, empresariais e humanidades.
Falamos con Natalia Nogueira, socia e directora de Negocio e Innovación de Inova, sobre a evolución da empresa, os seus proxectos no ámbito da sostibilidade, a descarbonización da industria en Galicia e a retroalimentación entre a sostibilidade y a dixitalización.
Como foi a evolución de Inova desde a súa orixe centrada na innovación e a optimización de procesos ata a integración dunha nova oferta de servizos ligados á circularidade?
Inova tiña, nos seus primeiros anos de vida, tres eixos principais de traballo. En primeiro lugar, os proxectos de consultoría estratéxica cunha forte vinculación co sector de automoción; doutra banda, os proxectos de optimización de procesos, de forma que se reducisen ao mínimo as actividades que non achegaban valor aos devanditos procesos e; como terceiro eixo, os proxectos de innovación co fin de que os nosos clientes xerasen vantaxes competitivas, levando ao mercado novos produtos ou poñendo en marcha novas liñas de negocio.
Desde esta primeira etapa, o noso catálogo de servizos foise adaptando ás tendencias tecnolóxicas e de mercado.
Mentres que a consultoría estratéxica levounos a profundar no emprendemento tecnolóxico e na xeración de ecosistemas de innovación, a nosa experiencia en optimización de procesos industriais fixo que Inova crecese no relativo a dixitalización e Industria 4.0 e que xerase solucións tecnolóxicas en ámbitos como a intelixencia de negocio, as plataformas de xestión e a análise e procesamento de datos.
En paralelo, produciuse a nosa entrada no ámbito da sostibilidade e, máis en concreto, na procura de enerxías alternativas innovadoras.
Repetidos traballos nese campo fixéronnos evolucionar, ampliar as nosas capacidades e, finalmente, desenvolver e ofrecer ferramentas e servizos específicos en economía circular.
Que proxectos desenvolven no ámbito da sostibilidade ambiental e a economía circular?
Por poñer exemplos concretos, Inova desenvolveu plans de acción para o clima e a enerxía sostible para máis de 30 concellos; traballamos con autoridades portuarias españolas e portuguesas no deseño das súas estratexias de electrificación e redución de pegada de carbono; colaboramos con organismos públicos para achegar os principios de economía circular ás PEMES; colaboramos coa Administración e agrupacións industriais sectoriais no despregamento de políticas públicas de sostibilidade e estamos a formular e desenvolver proxectos de innovación sostible no marco das convocatorias de Horizon Europe ou Next Gen EU.
Con que tipo de clientes e partners adoitan traballar?
Traballamos como empresa colaboradora da Administración Xeral do Estado e da Xunta de Galicia, no marco de programas de dixitalización, innovación e competitividade, como Activa Industria 4.0, Kit Digital ou o programa Reacciona.
Doutra banda, prestamos servizos a empresas privadas, pemes e corporacións, cubrindo todo o noso porfolio de servizos nos tres ámbitos de innovación, dixitalización e sostibilidade.
E doutra banda, temos tres segmentos de nicho: Centros Tecnolóxicos e Institutos de Investigación, para a prestación de servizos de estratexia e xestión da innovación; Autoridades Portuarias, realizando proxectos de transición enerxética e neutralidade carbónica e; startups, na aceleración da súa chegada ao mercado.
Colaboramos tamén con Clústeres e organismos intermedios no seu desenvolvemento estratéxico e en programas de emprendemento tecnolóxico, como o caso da oficina técnica da aceleradora vinculada ao sector aeronáutico BFAero.
O papel dos nosos partners é de importancia capital para Inova por dúas razóns. Sempre tivemos moi presente a innovación aberta e en que, para cumprir os retos que nos propoñemos, queremos e debemos ir acompañados de empresas tecnolóxicas, de socios de negocio e, en xeral, de entidades coas que compartimos unha mesma visión. Ademais, Inova é unha empresa cun marcado ADN innovador. Temos, de feito, o selo de Peme Innovadora do MINCOTUR e, para realizar proxectos de innovación, necesitamos xerar consorcios con outras entidades públicas e privadas que compartan obxectivos connosco.
Neste sentido, ademais de ser socios de Viratec, formamos parte do Clúster TIC de Galicia e de DIHGIGAL, que é o Hub de Innovación Dixital da Industria de Galicia. Temos tamén unha estreita colaboración con AENOR, dado que impartimos, en calidade de partner, formacións nos ámbitos da xestión da I+D+i e a Industria 4.0.
Na súa opinión, cales son as principais barreiras á descarbonización da industria en Galicia? E cales son as oportunidades que se derivan da transición enerxética?
A descarbonización da industria en Galicia é un tema que nos preocupa e, nesta liña, Inova está a participar desde xaneiro 2023 no programa de doutoramento industrial de GAIN, dentro do cal se está desenvolvendo unha tese doutoral no ámbito da descarbonización industrial en Galicia.
Descarbonizar a industria de Galicia é un problema complexo que require traballar en varios eixos á vez. Debe traballarse no ámbito do desenvolvemento tecnolóxico e, neste sentido, as empresas socias de Viratec teñen moito que achegar. Por suposto, é necesaria unha aposta normativa e financeira clara e decidida por parte da Administración para apoiar o proceso de cambio cara á neutralidade carbónica en 2050. Finalmente, e creo que é a barreira principal, fai falta que as empresas industriais emprendan un camiño que, nalgún caso, pode significar un cambio transformacional. Pero existen exemplos e témolos en Galicia. É o caso de BorgWarner, empresa do sector de automoción que conta cunha planta en Vigo, que realizou unha transformación de ser un líder en tecnoloxías de propulsión convencional a unha empresa referente en mobilidade eléctrica.
En canto ás oportunidades, ademais da máis evidente do impacto positivo para o planeta, que é vital, a transición enerxética vai xerar melloras nos custos e, por tanto, vai impactar directamente na conta de resultados e, non menos importante, xa está a contribuír á mellora da reputación empresarial, que é fundamental porque cada vez máis os clientes valoramos non só que os produtos que compramos sexan bos e a un prezo interesante, senón tamén que a empresa á que compramos sexa responsable desde o punto de vista da sostibilidade.
Afirman que a dixitalización é unha prioridade das operacións da empresa. Como inflúe a transformación dixital na integración de solucións ambientais?
En Inova consideramos que sostibilidade e dixitalización son as dúas caras da mesma moeda e que xuntas son capaces de xerar alternativas de desenvolvemento ata hai pouco impensables. Ambas se retroalimentan e aumentan as oportunidades das empresas cando se combinan. Neste sentido, estamos a piques de finalizar o desenvolvemento dunha ferramenta software que facilite ás empresas unha medición do seu desempeño en termos de circularidade porque, se non sabemos de onde partimos, non sistematizamos a realización de accións que melloren o noso desempeño en materia de sostibilidade e non automatizamos a medición obxectiva do noso avance, será moito máis difícil alcanzar as metas de sostibilidade que nos propoñamos.
Como socios de Viratec, que lles aporta formar parte do Clúster? E cal é a achega de Inova ao sector ambiental en Galicia?
Estamos moi contentos de formar parte de Viratec e do que nos achegamos mutuamente. Destacaría tres aspectos que consideramos claves para explicar por que Inova está en Viratec. O Clúster permítenos identificar e compartir oportunidades de negocio e iniciativas innovadoras con outras entidades socias. Tamén nos serve de inspiración e ábrenos novas perspectivas e, como exemplo, contareivos que nos adherimos este ano ao Pacto Mundial da ONU por recomendación de Agroamb, unha das empresas socias de Viratec. Por último, compartimos espazo de reflexión e traballo con outras entidades que comparten connosco o obxectivo da circularidade e a neutralidade carbónica.
En canto ao que achega Inova ao sector ambiental, penso que contribuímos cunha visión diferente e transversal, xa que procuramos que as solucións en materia de sostibilidade e economía circular que prestamos sexan, ao mesmo tempo, innovadoras e dixitais.