Viratec recibiu financiamento por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para o desenvolvemento do proxecto Smart2ReDuCe – Investigación en solucións 4.0 en economía circular para a industria de reciclaxe de RCD (residuos de construción e demolición) mediante visión artificial, fotónica avanzada e impresión 3D, a través da convocatoria 2023 do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI). O consorcio do proxecto está integrado por un total de nove entidades: ademais de Viratec, participan as súas entidades asociadas Recinor, Gestán, CETIM, ITG, Inova, Himikode e Medrar, xunto co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.
Smart2ReDuCe é un proxecto de investigación industrial en tecnoloxías dixitais vinculado coa industria 4.0, que busca mellorar a competitividade do sector de reciclaxe de RCD (residuos de construción e demolición), a través do desenvolvemento dunha plataforma colaborativa baseada en ferramentas de dixitalización avanzadas orientada a lograr unha cadea de valor de menor pegada de carbono.
Residuos de construción e demolición
Posto que os residuos de construción e demolición representan en peso e volume a maior fonte de residuos nos países industrializados e están compostos por unha complexa mestura de materiais (ladrillo, formigón, madeira, plástico, metais…), o aproveitamento destes materiais secundarios é máis eficiente que o uso de materiais virxes, xa que ten menor impacto a nivel de pegada de carbono e evita a extracción de máis materias primas do medio ambiente. Pero, para iso, é necesario clasificar o fluxo de residuos como condición previa para a súa reutilización, e a industria do reciclaxe de materiais de construción actualmente atopa diversos obstáculos nese sentido.
Así, Smart2ReDuce ten o obxectivo de investigar novas tecnoloxías de visión artificial e fotónica avanzada para conseguir unha mellor separación en planta dos RCD para poder converter refugallos en novos materiais sostibles para a construción, algo que se valorará cos áridos reciclados mediante investigación en materiais e tecnoloxía de impresión 3D. Ademais, aliñado cos principios da economía circular, o proxecto busca mediante algoritmia avanzada baseada en redes neuronais contar cunha plataforma de datos do impacto ambiental positivo do seu proceso de separación co cálculo de pegada de carbono.
Circularidade
Viratec, como unha das súas liñas estratéxicas, promove foros temáticos arredor das solucións ambientais e a economía circular. Un destes foros foi a sesión celebrada o pasado ano baixo o título “Conversas de 10: xestionando o residuo para unha construción sostible”, que se centrou na circularidade dos residuos da construción e da demolición, abordando aspectos como a importancia da separación en orixe e a trazabilidade dos materiais, así como a necesidade de que a licitación pública incentive a economía circular incorporando os custos da correcta xestión dos RCD. A raíz desta xornada, na que se puxo de relevo a problemática actual no sector, xurdiu a idea do proxecto Smart2ReDuCe para buscar solucións e fomentar a circularidade deste tipo de produtos.
Desta forma, mentres que Viratec se encarga da coordinación do proxecto, ITG lidera os traballos de visión artificial e fotónica avanzada, CETIM estase a ocupar da formulación de formigóns e impresión 3D, Inova e Himikode traballan conxuntamente na plataforma e algoritmia avanzada para pegada de carbono, e Medrar responsabilízase da optimización tecno-económica. As investigacións estanse realizando a partir da información obtida das plantas de reciclaxe de Recinor e de Gestán.
Os resultados do proxecto contribuirán a acelerar a transición cara a neutralidade climática, a eficiencia enerxética e a facer un uso sostible dos recursos. A través da dixitalización búscase reducir nun futuro os residuos de RCD e reutilizalos de forma óptima grazas á mellor separación, creando novos materiais coas mesmas características que os fabricados con materias primas virxes.
O proxecto Smart2ReDuCe recibe financiamento da convocatoria 2023 do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.