O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular formalizou a súa entrada como socio do Pacto Mundial das Nacións Unidas, a maior iniciativa de sustentabilidade corporativa do mundo, que actualmente conta con máis de 19.000 entidades adheridas en máis de 160 países e 70 redes locais. No caso da Rede Española, as entidades adheridas superan a cifra de 2.100, o que a converte na rede local máis importante do mundo. Destas entidades, máis de 930 son socias, unha condición que indica un maior compromiso na participación da iniciativa e no nivel de servizos facilitados por Pacto Mundial.
A adhesión implica que Viratec comprométese a aliñar as súas operacións con Dez Principios universalmente aceptados nas áreas de dereitos humanos, normas laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción, e adoptar medidas en apoio dos obxectivos das Nacións Unidas, actualmente plasmados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Coa súa incorporación ao Pacto Mundial, Viratec únese a miles de empresas e entidades a nivel mundial, comprometéndose a realizar accións corporativas responsables para crear o mundo que queremos, especialmente no ámbito da economía circular e o desenvolvemento de solucións ambientais, esenciais para o presente e futuro da sociedade e do planeta.
Neste mes de xuño tivo lugar en Madrid a Asemblea Xeral do Pacto Mundial España, que xa contou coa representación de Viratec. O clúster tamén participou no evento ‘Movers pola sustentabilidade’ celebrado na mesma xornada á que asistiron a vicepresidenta de Viratec Josefa de León e a xerente Ana Botas.