Viratec e a Xunta de Galicia presentan a BF ClimaTech, a primeira aceleradora ambiental de Galicia

  • O prazo para inscribirse na primeira edición pechará o vindeiro 30 de setembro.
  • Esta iniciativa achega aos proxectos seleccionados plans adaptados ás súas necesidades, mentorización e recursos económicos e técnicos.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024. O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) e a Xunta de Galicia presentaron hoxe, na Cidade da Cultura, a Business Factory (BF) ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia.

A BF ClimaTech é un programa que serve para minimizar o período de desenvolvemento e maximizar as probabilidades de éxito de proxectos de emprendemento innovador que ofrezan novas propostas no sector ambiental e sectores conexos.

O prazo para inscribirse na primeira edición pechará o vindeiro 30 de setembro de 2024. Na páxina web bfclimatech.gal están publicadas as bases e as indicacións para a presentación de candidaturas.

Poderá postularse a participar nesta convocatoria calquera equipo emprendedor cun proxecto innovador en liña cos retos e comprometido con Galicia. Os proxectos finalmente seleccionados optarán a realizar algún dos tres itinerarios de apoio contemplados: incubación, para os proxectos máis incipientes; aceleración, para aqueles que xa teñen unha solución viable; e consolidación, para os que se atopan en situación de ampliar negocio e mercado.

A apertura do acto foi da man da presidenta de Viratec, Josefa de León, quen destacou que o sector ambiental “está chamado a ser o axente clave da industria, da sostibilidade e do desenvolvemento de Galicia. Coa BF ClimaTech, desde o clúster, pretendemos promover unha economía sostible e respectuosa co medio ambiente, apoiando o emprendemento co fin de acelerar e afianzar iniciativas ambientais e de circularidade que teñan capacidade de escalar e xerar impacto”.

Pola súa parte, a xerente de Viratec, Ana Botas, explicou como se formularon os sete retos que configuran esta primeira edición do programa: “Para garantir que a BF ClimaTech responde ás necesidades do mercado e que, así, os proxectos atopen demanda para os seus produtos e servizos, reunímonos con entidades do sector para que nos achegasen de primeira man os retos aos que se afrontan. Polo que podemos dicir que os retos ambientais desta aceleradora corresponden con necesidades de mercado específicos”.

A BF ClimaTech achega aos proxectos participantes “plans adaptados ás súas necesidades específicas, recursos económicos e técnicos, mentorización por parte de empresas de referencia no sector ambiental e sectores produtivos relacionados, distintas actividades formativas e de incorporación de novas competencias, e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e feiras sectoriais”, indicou Botas.

A continuación celebráronse dúas mesas redondas nas que se analizaron os retos ambientais do sector desde a perspectiva das empresas promotoras, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e Xesgalicia, co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN). , e tamén desde a perspectiva das empresas impulsoras desta primeira edición do BF ClimaTech, como Sogama e o Grupo Gestán.

A conselleira de Industria e Economía, María Jesús Lorenzana, foi a encargada de pechar este acto. Na súa intervención indicou “está clara a transversalidade desta aceleradora, con 7 retos de estrita actualidade. Os proxectos que saian desta aceleradora suporán solucións para as empresas, o planeta e a sociedade”.

Sobre BF ClimaTech

A BF ClimaTech está impulsada por Viratec e pola Xunta de Galicia, e conta coa participación de empresas do sector, así como de centros de coñecemento e entidades de investimento.

O seu propósito é dar lugar a solucións e tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima e o medio ambiente mediante o apoio a proxectos de emprendemento innovador e a súa transformación en empresas de valor que sexan transformadoras, viables e escalables.

Sobre Viratec

Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, é unha agrupación que busca promover solucións en materia de medio ambiente, cambio climático e economía circular. A súa misión é incrementar a capacidade tecnolóxica, de innovación e a competitividade das empresas galegas que achegan solucións ambientais, fomentando un ecosistema de cooperación público-privada e entre empresas, xerando sinerxías entre distintas áreas de coñecemento, promovendo a I+D+i, mellorando a formación e creando oportunidades de internacionalización. Viratec, recoñecido por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo como Agrupación Empresarial Innovadora (AEI), agrupa na actualidade a máis de oitenta entidades galegas involucradas directa e indirectamente no sector ambiental.

COMPARTIR