Preto dunha trintena de membros de Viratec desprazáronse á planta de Coca-Cola na Coruña para coñecer de primeira man os avances implantados pola embotelladora nos últimos anos no ámbito da sostibilidade e a dixitalización, con especial énfase nas melloras ambientais destinadas a reducir a pegada de carbono derivada da operativa industrial.
A xornada comezou coas presentacións de diversos responsables de Coca-Cola Europacific Partners Iberia na Coruña: María Sande, xefa de comunicación noroeste, explicou a estratexia de sostibilidade da compañía, mentres que Lorena Gallego, xefa do departamento de calidade, debullou a política de calidade e medio ambiente. Finalmente, Juan Carballal, xerente da planta, pormenorizou as novas ferramentas tecnolóxicas e innovacións operativas implantadas na Coruña co fin de avanzar cara á planta 4.0.
Seguidamente, o grupo percorreu as instalacións industriais onde puideron comprobar directamente as melloras de eficiencia enerxética, a redución de auga e residuos, a dixitalización de procesos, así como a evolución cara a envases máis sostibles e bebidas menos azucradas. Todo iso forma parte da estratexia de sostibilidade da compañía, que ten entre as súas metas acadar a neutralidade de carbono no ano 2040.
A xornada serviu para descubrir obxectivos comúns nas dúas entidades e oportunidades de colaboración en materia de economía circular, favorecendo o impulso ás solucións ambientais xeradas desde Galicia.