Viratec achega as conclusións da COP28

Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, celebrou este martes unha xornada na que se abordaron as conclusións derivadas da COP28, a Conferencia das Nacións Unidas sobre Cambio Climático que se celebra estes días en Dubai.

Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, celebrou este martes unha xornada na que se abordaron as conclusións derivadas da COP28, a Conferencia das Nacións Unidas sobre Cambio Climático que se celebra estes días en Dubai. Viratec organizou este encontro destinado ás súas entidades asociadas, baixo o título “Conversas ao redor da COP28”, para achegar de forma participativa os retos resultantes da Conferencia e as súas implicacións en Galicia.

O acto tivo lugar en Santiago de Compostela e reuniu a arredor de 50 representantes de entidades asociadas. A xornada iniciouse cunha entrevista a Isaac Gómez Piñeiro, subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Xunta de Galicia, conducida por Pedro Tasende, director de Aporta Comunicación. Gómez abordou as implicacións da COP28 en Galicia, así como a incidencia do cambio climático na comunidade. Neste sentido, apuntou que “segundo os datos dos que dispoñemos de forma aberta a través de Meteogalicia, temos indicios de que o clima está cambiando nos últimos anos, pero desde a administración, contamos cunha planificación estratéxica que nos permitirá adaptarnos ao cambio climático, como son a Alianza Galega polo Clima e o Pacto das Alcaldías”. Sobre a COP28, opinou que “os acordos teñen que ser más ambiciosos para conseguir limitar o incremento da temperatura a 1,5 ºC”.

Posteriormente, tivo lugar unha mesa redonda coa xunta directiva de Viratec, na que participaron Iván José Vicente García, presidente de Viratec e director territorial Zona Norte de Viaqua; Josefa de León, vicepresidenta de Viratec e directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb Prodalt; Helena Peñas, secretaria de Viratec e responsable de Bioenerxía e Gases Renovables de Norvento Enerxía; e Juan Lema, vogal da xunta directiva de Viratec e coordinador científico do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). No diálogo, os participantes coincidiron na necesidade da adaptación ao cambio climático e abordaron cuestións como a ciencia e a investigación como axente de cambio, a imprescindible expansión das enerxías renovables, os efectos do cambio climático na alimentación e no sector agrícola, e as oportunidades das empresas galegas para a consecución dos obxectivos climáticos.

COMPARTIR