Falamos con Teresa Chantada, directora de Sostibilidade e Marca de Indalsu, nova entidade asociada a Viratec, sobre a evolución do grupo e a súa folla de ruta en materia de sostibilidade, o papel clave do aluminio na transición cara a unha construción máis eficiente e circular, e as esixencias normativas europeas que están a transformar o sector da edificación.
Indalsu é un grupo industrial especializado na extrusión e desenvolvemento de sistemas de aluminio para arquitectura e construción. A compañía nace en Galicia hai máis de 25 anos cunha vocación claramente industrial: transformar aluminio en solucións técnicas de alto valor para o sector da edificación.
Desde a súa orixe, a empresa evolucionou desde a actividade de extrusión cara a un modelo máis amplo de desenvolvemento de sistemas, enxeñaría e marca. Hoxe a súa actividade abrangue o deseño, fabricación e comercialización de sistemas arquitectónicos de aluminio, como ventás, portas, fachadas, pérgolas bioclimáticas, solucións de peche e sistemas para arquitectura contemporánea. A iso súmanse tamén solucións de interiorismo baseadas en aluminio, como sistemas de división de espazos, portas e revestimentos decorativos.
Este crecemento deu lugar á consolidación dun grupo industrial con diferentes liñas e marcas especializadas. Entre elas destaca DOMO, centrada en sistemas de aluminio para carpintería arquitectónica e interiorismo, e AATRIO, orientada a solucións que amplían a relación entre arquitectura e espazo exterior, como pérgolas bioclimáticas, teitos móbiles ou peches panorámicos.
Indalsu conta con máis de 25 anos de traxectoria industrial na extrusión de aluminio. Como evolucionou a empresa ata converterse nun grupo con marcas propias como DOMO e AATRIO?
A evolución de Indalsu responde a un proceso natural de maduración industrial. Durante as súas primeiras etapas, a compañía centrouse na extrusión de perfís de aluminio, consolidando capacidade produtiva, coñecemento do material e control do proceso industrial.
A partir desa base, a empresa foi avanzando cara a actividades de maior valor engadido, como a enxeñaría de sistemas, o desenvolvemento de solucións propias e o deseño orientado á arquitectura. Este paso é clave porque implica deixar de ser unicamente un provedor de perfil para converterse en desenvolvedor de sistemas completos.
Neste contexto nace DOMO, unha marca que dispón dun catálogo de sistemas de aluminio para arquitectura, concibidos para responder aos requisitos técnicos actuais da edificación: illamento térmico, prestacións acústicas, estanqueidade, durabilidade e integración arquitectónica.
Posteriormente xorde AATRIO, unha marca que explora outra dimensión da arquitectura contemporánea: os espazos exteriores. Pérgolas bioclimáticas, cortinas e corredeiras de cristal, teitos móbiles e outras solucións para terrazas e porches responden á tendencia en arquitectura de difuminar o límite entre interior e exterior e ampliar o espazo habitable.
En conxunto, a evolución de Indalsu reflicte o paso de industria transformadora a grupo industrial con capacidade de deseño, enxeñaría e desenvolvemento de marca, integrando fabricación, innovación e visión de produto.
A arquitectura actual esixe precisión técnica, eficiencia enerxética e integración estética. Como están respondendo os sistemas de Indalsu a estas novas demandas?
Os sistemas desenvolvidos polo Grupo Indalsu dan resposta a estas peticións desde a enxeñaría do propio sistema. En primeiro lugar, mediante carpinterías con rotura de ponte térmica e opcións optimizadas que permiten mellorar significativamente o comportamento térmico da envolvente do edificio. Isto é esencial para cumprir cos requisitos normativos actuais e para reducir a demanda enerxética dos edificios.
En segundo lugar, mediante solucións que garanten altos niveis de estanqueidade ao aire e á auga, resistencia ao vento e capacidade estrutural, especialmente en grandes superficies acristaladas. A arquitectura actual busca luz, continuidade visual e transparencia, o que obriga a desenvolver perfís capaces de soportar grandes dimensións sen comprometer as prestacións.
Ademais, o desenvolvemento de sistemas oriéntase cada vez máis cara á integración arquitectónica: seccións máis esveltas, perfís ocultos, corredeiras minimalistas e solucións que favorecen a continuidade visual entre interior e exterior.
En definitiva, o reto é desenvolver sistemas completos que permitan a arquitectos e prescritores materializar proxectos contemporáneos con garantías técnicas.
O aluminio é un material clave na construción contemporánea. Que papel pode xogar na transición cara a modelos máis eficientes e circulares no sector da edificación?
O aluminio é un dos materiais máis estratéxicos para a construción do futuro por varias razóns clave: durabilidade, reciclabilidade e capacidade técnica.
Desde o punto de vista ambiental, o aluminio é 100 % reciclable. Isto significa que pode reincorporarse ao ciclo produtivo de forma indefinida, reducindo o consumo de materias primas e a pegada ambiental asociada á construción. Ademais, a súa longa vida útil e resistencia á corrosión convérteno nun material especialmente adecuado para sistemas construtivos duradeiros, con menor necesidade de mantemento ou substitución ao longo do tempo.
Pero quizais o aspecto máis relevante é a súa capacidade para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios. Os sistemas de aluminio actuais, combinados con rotura de ponte térmica e vidros de altas prestacións, permiten deseñar envolventes cun alto nivel de illamento e control solar, asegurando unha alta eficiencia enerxética.
Por último, o aluminio é un material extremadamente versátil desde o punto de vista arquitectónico, xa que permite grandes aperturas, perfís esveltos e solucións construtivas complexas, algo fundamental na arquitectura contemporánea.
Por todo iso, o aluminio non só é un material estrutural ou construtivo, senón que é unha ferramenta para avanzar cara a unha arquitectura máis eficiente, máis lixeira e máis circular.
A empresa desenvolveu Reveral como aliaxe orientada á redución do impacto ambiental. Que liñas de innovación están explorando actualmente en materia de produto e proceso?
No Grupo Indalsu existe unha potente sinerxía entre o departamento técnico e o de innovación, orientada a atopar as mellores combinacións de aluminio de orixe reciclado de ata un 70 % na totalidade da estrutura, que permitirá obter perfís que cumpran cos maiores valores do código técnico, asegurando a resistencia, durabilidade e eficiencia.
Traballamos tamén con diferentes partners do sector da reciclaxe e valorización do aluminio co obxectivo de reintroducir os subprodutos de extrusión na cadea de valor, avanzando así cara á xeración cero de residuos procedentes da nosa principal materia prima.
Cal é a folla de ruta da compañía en materia de sostibilidade e economía circular?
O sector do aluminio está a vivir unha transición acelerada cara á sostibilidade, impulsada tanto por normativas sectoriais como polas directivas europeas aliñadas cos obxectivos de 2030, 2040 e 2050.
A recente Directiva de Eficiencia Enerxética de Edificios, o Regulamento de Produtos de Construción de 2024, o Regulamento de Ecodeseño e a modificación do Código Técnico da Edificación dan lugar a un cómputo de obrigas aliñadas coa sostibilidade ambiental que implica un cambio radical. Este cambio de concepto inclúe desde a instauración da Declaración Ambiental dos Produtos da construción ata a creación dun pasaporte dixital que require presentar ao consumidor final desde as especificacións técnicas do produto (ata agora obrigatorias) a indicadores de sostibilidade ambiental, como o potencial de quecemento global.
En Indalsu levamos tempo traballando nestas esixencias, formándonos e cumprindo unha exhaustiva folla de ruta de implantación coa finalidade de chegar aos maiores estándares en canto á verificación e certificación dos cálculos e reportes feitos, sendo prioritario sempre a transparencia desde dentro da organización ao exterior.
Ademais, desde finais do 2025 estamos consolidando un departamento de sostibilidade encargado de establecer e implementar unha consistente folla de ruta que inclúe medidas, indicadores e obxectivos a cumprir nos anos 2026 e 2027. Estes obxectivos están aliñados coa circularidade e valorización de ata o 80 % dos residuos xerados, monitorización ambiental, eficiencia enerxética, cálculo e reporte da pegada de organización e produto, plan estratéxico de descarbonización 2026-2030, formación e información interna e externa de todas as partes interesadas, transparencia e reporting en materia de sostibilidade.
A eficiencia da envolvente é clave na descarbonización do sector da edificación. Como valoran o momento actual do sector en termos de esixencia normativa e oportunidade industrial?
Como se mencionaba en anteriores preguntas, a esixencia normativa está a dar lugar a importantes cambios no sector, como por exemplo o cálculo e verificación do impacto ambiental das estruturas da construción a través da Declaración Ambiental de Produto (DAP) e o Documento Básico de Sostibilidade Ambiental do novo Código Técnico da Edificación.
Ademais dos requirimentos propios do sector, no Grupo Indalsu temos presentes os grandes marcos europeos como o Pacto Verde, a Lei Europea do Clima co paquete de medidas “Fit for 55” e o Clean Industrial Deal, como vectores da descarbonización industrial. Actualmente atopámonos avaliando toda a nosa cadea de valor para adiantarnos ao recente Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (CBAM) e respectando sempre o coñecido Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión que está aplicando con gran forza ao sector a través do ETS2.
Indalsu acaba de incorporarse a Viratec. Que lles levou a dar este paso e que papel esperan desempeñar dentro do ecosistema do clúster?
Vemos 2026 como o inicio do noso camiño cara a unha respectuosa e rigorosa implantación da sostibilidade en todas as sedes en España e Portugal do grupo. Ao ser unha empresa de orixe galega, queremos desde un inicio formar parte do principal Clúster de Solucións Ambientais e Economía Circular.
A nosa asociación co clúster ten a finalidade de colaborar en todas as actividades, formarnos e informarnos no relativo á sostibilidade ambiental e circularidade e, ademais, buscar posibles sinerxías en proxectos con outras organizacións socias do clúster tanto do sector industrial como doutros sectores.