Publicación dos pregos para a licitación dos servizos externos de apoio á Business Factory Climatech

O obxectivo da Business Factory ClimaTech é desenvolver tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima.

Tras a firma do convenio de colaboración e cofinanciamento entre a Xunta de Galicia e Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular para a posta en marcha da Business Factory ClimaTech, Viratec anuncia a licitación para prestar os servizos externos de apoio a esta BF ClimaTech.

Aqueles interesados en participar nesta licitación de servizos, deberán enviar un correo electrónico no que manifesten o seu interese, e indiquen o nome da empresa, persoa e datos de contacto, ao enderezo electrónico viratec@viratec.gal . No mesmo día, recibirán toda a documentación correspondente para licitar.

O obxectivo da BF ClimaTech é desenvolver tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima a través da implementación de programas de apoio a iniciativas de emprendemento especializadas nestes ámbitos. Búscase apoiar empresas innovadoras, viables e escalables, que respondan aos retos ambientais, axuden á industria na transición verde e capten talento, á vez que fortalecen o posicionamento do sector ambiental galego no ámbito internacional.

O convenio contará cun orzamento total 1.050.000 euros a executar en tres convocatorias, finalizando en decembro 2026 e cofinanciados entre o IGAPE, (co 80% do orzamento), e Viratec (co 20% do orzamento). Ademais, o convenio recolle as achegas de GAIN e de Xes Galicia aos distintos proxectos que accedan ás convocatorias.

A BF ClimaTech contará cun Consello de Entidades formado por empresas tractoras, científicas e investigadoras que se ocuparán de propoñer os retos ambientais, que deberán ser aprobados polo Consello Executivo.

Durante a vixencia do convenio, realizaranse tres convocatorias e cada unha delas dará posibilidades a proxectos en fase de incubación, aceleración e consolidación. O máximo de proxectos admitidos será de 6 na primeira convocatoria, de 16 na segundo e doutros 16 proxectos na terceira convocatoria.

COMPARTIR