O obxectivo da Business Factory ClimaTech é desenvolver tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima a través da implementación de programas de apoio a iniciativas de emprendemento especializadas nestes ámbitos. Búscase apoiar empresas innovadoras, viables e escalables, que respondan os retos ambientais, axuden á industria na transición verde e capten talento, á vez que fortalecen o posicionamento do sector ambiental galego no ámbito internacional.
Viratec cofinancia esta aceleradora de empresas xunto coa Consellería de Economía e Industria, contando cun orzamento total de 1.050.000 euros a executar en tres convocatorias ata finais do 2026. Ao longo destes tres anos, realizaranse tres convocatorias e cada unha delas contará con tres fases: incubación, aceleración e consolidación. A primeira edición apoiará a un máximo de seis proxectos de emprendemento, e na segunda e terceira edición poderán participar ata 16 iniciativas.
A Business Factory ClimaTech contará cun Consello de Entidades formado por empresas tractoras, entidades científicas e investigadoras que se ocuparán de validar os retos máis relevantes a incluír nas convocatorias. A proposta de retos leva traballando meses, coa información que temos das problemáticas detectadas por distintos axentes e polas empresas. Estes deberán aprobarse polo Consello Executivo.
Fases da BFClimaTech:
Na primeira fase, incubación, os proxectos estarán na etapa de definición da idea de produto ou servizo.
A segunda etapa é a de aceleración, na que as iniciativas contarán cunha idea e produto ou servizo definido e comprométense a desenvolver un produto mínimo viable. Poderán estar promovidos por sociedades xa constituídas cunha antigüidade máxima de sete anos, ou ben que os promotores comprométanse á creación dunha empresa/centro de traballo en Galicia nun prazo determinado dentro do período de aceleración.
A terceira e última fase, a de consolidación, é aquela na que os proxectos terán un produto ou servizo desenvolvido nun modelo de negocio definido. Poden mesmo realizar vendas, pero axudaráselles a consolidar e escalar, mesmo a ser investidas por distintos axentes.