De acordo co modelo de gobernanza colaborativa polo que se rexe Viratec, o Clúster convida a todas as entidades socias a propoñer candidaturas para ocupar as vacantes existentes nos seis comités de participación, que son peza clave para seguir crecendo e facer do Clúster unha asociación de referencia no seu ámbito de actuación.
As entidades que queiran presentar candidaturas de persoas da súa organización poden facelo mediante correo electrónico á dirección viratec@viratec.gal achegando unha breve xustificación -extensión máxima equivalente a un folio-. A asignación das 1-2 vacantes dispoñibles por cada comité resolverase a última semana de xaneiro.
Estes son os seis comités, xunto cos seus obxectivos e piares estratéxicos:
COMITÉ 1 Innovación, baseado no PILAR 1 de Innovación
Aumentar as actividades de I+D+i entre todos os actores do Clúster, a través de estruturas de apoio á innovación, ao desenvolvemento tecnolóxico e á súa transferencia, para que as empresas do sector obteñan unha vantaxe competitiva.
COMITÉ 2 Socios, baseado no PILAR 2 de Dinamización e fortalecemento de Socios
Desenvolver un Clúster cohesivo e visible, mantido por unha contorna empresarial dinámica que o apoia, pola cantidade e a calidade das interaccións que promoven e que favorecen a aprendizaxe e o intercambio de coñecemento, no interior da entidade e con outras agrupacións industriais, tanto a nivel local como global.
COMITÉ 3 Retos, baseado no PILAR 3 Retos, políticas e alianzas
Detectar, analizar e priorizar as problemáticas ambientais, a nivel local e global, coa finalidade de elaborar propostas de solucións ás mesmas desde Galicia e colaborar na súa implementación, tanto desde o ámbito tecnolóxico como normativo.
COMITÉ 4 Internacionalización, baseado no PILAR 4 Internacionalización
Apoiar activamente ás empresas do sector con espírito de internacionalización, a través da detección de oportunidades en mercados exteriores.
COMITÉ 5 Comunicación, baseado no PILAR 5 Comunicación
A economía circular esixe adaptacións que previsiblemente han de comportar profundas transformacións sociais, económicas, tecnolóxicas e, mesmo, culturais que hai que facilitar e, en ocasións, acelerar mediante mecanismos de sensibilización e divulgación.
COMITÉ 6 Impacto, baseado no PILAR 6 Contribución ao desenvolvemento sostible
Desenvolver unha masa crítica de actores con gran experiencia industrial, desde a I+D ata a comercialización efectiva da innovación, que permita a Viratec converterse nun xerador sostible de riqueza para o sector, os sectores económicos conexos ao medio ambiente e a economía circular, e en definitiva, ao desenvolvemento integral de Galicia.