O pasado dez de marzo tivo lugar unha nova sesión do ciclo Conversas de 10 que organiza Viratec. Nesta ocasión, a actividade desprazouse ao Parador de Ferrol onde os asistentes presenciais e conectados en liña debateron sobre a circularidade dos residuos da construción e da demolición (RCD), baixo o título “Xestionando o residuo para unha construción sostible”.
A importancia da separación en orixe, o enfoque dos edificios como almacéns de materiais para a construción do futuro a través da reciclaxe e a innovación, a importancia de que a licitación pública incentive a economía circular incorporando os custos da correcta xestión dos RCD, ou a trazabilidade dos materiais mediante tecnoloxía blockchain para xerar confianza no mercado, foron algunhas das cuestións analizadas da man de tres expertos de entidades socias de VIRATEC: José Rilo, director de RECINOR, Francisco Rivas, experto en RCD en GESTÁN CONTECO, e Alberto Migúens, investigador en construción sostible en CETIM Centro Tecnolóxico.