Inse Control é unha consultoría de técnica especializada no sector agroindustrial, que conta con máis de 10 anos de experiencia. Hoxe temos a oportunidade de falar con José Antonio López Sierra, director e enxeñeiro técnico de Inse Control, sobre a evolución da empresa, os seus proxectos no ámbito da sustentabilidade, a economía circular no sector primario e a retroalimentación entre a sustentabilidade e a dixitalización.
- En que consiste a súa actividade empresarial?
O noso maior nicho de mercado é o desenvolvemento de proxectos agrogandeiros e industriais relacionados co sector primario, con especial relevancia no que respecta ás autorizacións ambientais e sectoriais necesarias. Co tempo a empresa diversificou a actividade, incluíndo a comercialización de insumos para o sector primario así como a intermediación en operacións compra-venda de inmobles non residenciais.
- Con que tipo de organizacións e sectores adoita traballar Inse Control Consultoría Técnica? En que zonas xeográficas desenvolve principalmente a súa actividade?
Os nosos clientes adoitan ser grandes cooperativas agrarias, explotacións agrogandeiras e industrias de transformación de produtos agrarios.
A nosa zona de maior actividade é Galicia, aínda que desenvolvemos proxectos no resto do territorio nacional e mesmo apoiamos a outras empresas en procesos de internacionalización.
- Levan desde o ano 2013 ofrecendo servizos técnicos de enxeñería e consultoría ambiental. Como foi a evolución tanto da empresa como do sector durante este tempo?
A maior diferenza creo que está na dimensión dos nosos clientes. Na actualidade, as explotacións ou industrias nas que prestamos servizos conseguiron unhas dimensións que en ocasións triplican a que tiñan fai dez anos, e consecuentemente a precisión e demanda de servizos aumenta proporcionalmente, polo que estamos obrigados a unha profesionalización moi extrema e á constante formación e procura de novos profesionais.
- Cales son as claves de sustentabilidade ambiental en Inse Control?
Sempre mantivemos unha gran conciencia ambiental en todos os traballos e asesoramentos que realizamos. É por isto que o selo da empresa sempre pasa por cumprir con todas as normativas e recomendacións no que se refire a sustentabilidade, ben sexa nun proxecto a futuro como nun existente.
Por tanto, a nosa premisa é un aumento da produción e dimensionamento da empresa, que leva parello un traballo e un estudo previo do impacto que isto pode xerar, así como as mellores técnicas ou medidas que podemos aplicar para mitigar o efecto e, en consecuencia, xerar actividades sostibles.
- Como axuda Inse Control a implementar solucións en materia de medio ambiente e economía circular no sector primario?
En todos os proxectos que desenvolvemos actuamos dalgunha maneira como responsables na aplicación de solucións ou melloras técnicas dispoñibles en materia ambiental, polo que normalmente contamos cunha autonomía ampla para establecer e sobrepoñer criterios que redunden en melloras exponenciais das condicións ambientais da actividade. De feito, a pretensión é orientar á agroindustria cara a situacións de balance enerxético nulo, é dicir, que sexan capaces de reutilizar os seus rexeitamentos a favor de xeración de enerxías ou insumos necesarios. Polo que traballamos para que os rexeitamentos ou produtos a valorizar externamente sexan reducidos ao máximo.
- Cales son os principais retos ou desafíos que se adoitan atopar á hora de acompañar ás empresas no seu camiño cara á circularidade?
Neste momento no sector primario atopámonos inmersos nunha gran reconversión, con normativas ambientais que en ocasións condicionan enormemente a produción e, en consecuencia, xeran incerteza e inseguridade. Polo que ao noso parecer, o maior reto ao que nos enfrontamos é a unha estabilización e a unha reestruturación das políticas que se aplican, de forma que se utilicen directrices viables e sostibles sen caer en demagoxias e excesos de proteccionismo que, en ocasións, responden a descoñecemento profundo do sector por parte dalgúns grupos de presión.
É posible e existe moita marxe de mellora no referente á recirculación no sector agroindustrial, pero o máis importante é aplicar estas melloras con criterios lóxicos e estudando de forma correcta todos os pros e contras. Lembremos que unha das premisas ou necesidades do ser humano é a súa alimentación, polo que empregar restricións en exceso apelando a unha mellora ambiental pode chegar a xerar estreitezas ou carencias básicas, o que desde logo sería un problema moito máis grave.
- Como a tecnoloxía pode axudar ás empresas do sector primario a ser sostibles?
A tecnoloxía coa que se traballa é unha das axudas máis importantes coas que contamos para diminuír os consumos, o gasto enerxético, a improdutividade, etc. No noso caso, é determinante para facer as empresas máis sostibles. Ademais, trátase dunha industria dinámica e moi cambiante, polo que o aproveitamento dos novos desenvolvementos provoca efectos inmediatos sen necesidade de esperar tempo para obter resultados.
Debido a que os resultados son facilmente visibles, desde hai un tempo estamos a desenvolver o que se chama agricultura 4.0, que establece unha clara directriz cara a técnicas e modelos totalmente respectuosos co medio ao mesmo tempo que melloran a produtividade e permiten que a actividade sexa viable.
- Como entidade socia de Viratec, que tipo de proxectos cre que interesaría promover desde a agrupación industrial para impulsar a innovación e a colaboración público-privada no sector primario?
Considero que a Agrupación industrial debe de estar presente en desenvolvementos de proxectos colectivos que impliquen ás administracións e ao sector privado para dar solucións prácticas e factibles para a xestión de rexeitamentos e subprodutos da industria agroalimentaria, xa que ata o momento a Administración decantouse por lexislar e impoñer, pero con moi pouca achega de solucións ou implicación.
Calquera innovación ou desenvolvemento que permita reducir a pegada ou o impacto ambiental do sector primario é benvida, e considero que Viratec debe situarse nesta liña.