Intacta Gestión Ambiental leva máis de 10 anos desenvolvendo solucións nos ámbitos do tratamento de augas, o tratamento de residuos e a enerxía, ademais de ofrecer asesoramento sobre calquera tramitación ambiental e industrial. Conta cun equipo multidisciplinar de máis de 100 profesionais altamente cualificados.
Hoxe falamos con Cristóbal Piñón, director de Desarrollo de Negocio en Intacta Gestión Ambiental, sobre a orixe e evolución da empresa, dos proxectos e recoñecementos da entidade, e da súa visión do sector ambiental.
- Como xorde Intacta Gestión Ambiental?
Intacta xorde coa idea de dar resposta a unha necesidade existente no sector ambiental relacionada con proxectos a medida, solucións “ad-hoc” ou solucións singulares. Moitas empresas proporcionan solucións estándares, encorsetadas e con escasas posibilidades de modificación, e isto non adoita ser adecuado para dar resposta a problemas complexos. É nestas situacións é onde Intacta pode proporcionar solucións moi competitivas e fiables.
- Levan desde o ano 2011 ofrecendo servizos de consultoría ambiental e enxeñería. Como foi a evolución tanto da empresa como do sector ambiental durante este tempo?
Inicialmente empezamos con proxectos propiamente de enxeñería, relativamente pequenos e con clientes máis locais, pero fomos evolucionando cara proxectos chave en man e explotación de instalacións, fundamentalmente para grandes clientes e en todo o territorio nacional. Hoxe en día, este tipo de proxectos supoñen aproximadamente o 85 % da nosa facturación.
O sector ambiental evoluciona paralelamente á normativa, cando máis restritiva é esta, mellores instalacións se necesitan para poder cumprila, o que orixina actualizacións tecnolóxicas das instalacións existentes. Isto obríganos a coñecer sempre as últimas tecnoloxías e ir, mesmo, un paso por diante da propia normativa.
- Cal é o perfil dos profesionais de Intacta? Ao longo desta década, cre que se incrementou a presenza feminina nas carreiras de enxeñería relacionadas co sector ambiental?
A verdade é que temos un equipo moi multidisciplinar, practicamente dispoñemos de titulados en todas as áreas de enxeñería (camiños, industriais, química, montes, minas etc.). Tivemos a sorte de comezar a nosa andaina como empresa nun momento onde se estaba destruíndo emprego, o que nos permitiu incorporar profesionais cunha gran bagaxe, algúns con máis de 30 de anos de experiencia profesional, e moi especializados na súa área, o que nos permite desenvolver proxectos complexos
A presenza feminina segue sendo escasa, polo menos no que a titulacións de enxeñería se refire. Determinados perfís é practicamente imposible cubrilos con persoal feminino. Aínda así, nós temos a fortuna de conseguilo. Algo máis dun terzo do persoal son mulleres.
- Considera que o sector ambiental é atractivo polas súas oportunidades laborais?
Estou seguro de que a miña opinión neste caso é totalmente subxectiva, pero o sector ambiental sempre se caracterizou por brindar excelentes oportunidades laborais. A miña experiencia persoal é que as empresas, e en particular as grandes empresas, só invisten en dous aspectos (independentemente da situación económica): en seguridade, para a protección das persoas, e en garantir o cumprimento legal. Este segundo aspecto está moi relacionado co sector ambiental: emisións, verteduras…, polo que sempre hai proxectos relevantes relacionados con instalacións de tratamento de gases, augas, residuos, autorizacións ambientais etc.
- A compañía traballa con entidades de diferentes sectores tanto a nivel estatal como internacional. Podería mencionar algúns destes sectores e os proxectos nos que están implicados?
Estamos moi vinculados ao sector de xeración eléctrica e ao de tratamento de residuos. Entre os dous cubrimos máis do 70 % da nosa carga de traballo, pero tamén desenvolvemos proxectos para a industria agroalimentaria, téxtil, petroquímica, metalúrxica, papeleira, de biocombustibles, naval etc.
Os proxectos máis relevantes que estamos a desenvolver actualmente están relacionados co tratamento de augas, pero tamén estamos a desenvolver a enxeñería dunha planta de tratamento de residuos plásticos mediante pirólisis para a obtención de novos produtos para a fabricación de plástico.
- Recibiron un certificado de AENOR que avala a excelencia na xestión da empresa, e, tamén, o premio á eficiencia empresarial outorgado pola delegación ferrolá do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais (Coeticor). Que supoñen estes recoñecementos para Intacta?
Ambos son dous recoñecementos moi importantes e que nos dan enerxía para seguir crecendo como empresa, fannos ver que podemos estar a facer ben as cousas e que ese é o camiño para seguir. Sempre é agradable que se fixen en ti, pero se quen o fai é AENOR e Coeticor pois non podemos estar máis orgullosos e agradecidos, a verdade.
- Como inflúe a Axenda 2030 e as lexislacións europeas en materia de economía circular e sostibilidade ambiental na actividade de Intacta?
Todo o que sexan accións encamiñadas cara a un mundo máis sostible, non só desde o punto de vista de plans de actuación ou normativa, senón como sociedade, son oportunidades para Intacta. A nosa empresa está enfocada no sector ambiental e isto abarca a descarbonización, sostibilidade, economía circular, rexeneración ambiental, recuperación de espazos degradados, minimización de impacto ambiental etc.
- Como entidade asociada a Viratec, que lles achega formar parte da agrupación industrial? E en que tipo de iniciativas promovidas desde a agrupación industrial podería colaborar Intacta coa súa experiencia e especialización?
Viratec é unha asociación empresarial que ten entre os seus obxectivos defender os intereses do sector, e por tanto debemos de estar. Debe ser un actor relevante que permita despolitizar os proxectos na área ambiental e achegar unha visión técnica, clara e obxectiva, que poña en contexto cada proxecto.
Creo que poderiamos colaborar coa agrupación industrial en temas de divulgación, revisión de normativa, ou análise de proxectos que se pretendan implantar na nosa comunidade, sempre desde o punto de vista ambiental.