O proxecto Enerwood avanza cara a unha industria da madeira más eficiente e sostible con innovacións enerxéticas e dixitais

Puertas Betanzos, CERNA, ITG, INTACTA, CETIM, Viratec e o CMD unen forzas en ENERWOOD para reducir o consumo enerxético auxiliar na industria da madeira.

O proxecto ENERWOOD, iniciativa transformadora que aspira a revolucionar a industria da madeira mediante a optimización enerxética e a dixitalización dos procesos, entra na súa fase final. Coa participación do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), Puertas Betanzos, CERNA, ITG, INTACTA, CETIM e Viratec, o proxecto, que concluirá en xuño deste ano, está a lograr avances significativos en sustentabilidade, eficiencia e competitividade, con resultados extrapolables a todo o sector.

Un esforzo colaborativo para a sostibilidade

A planta de Puertas Betanzos, con máis de 10.000 m2 dedicados á fabricación de portas, molduras, taboleiros e elementos decorativos, serve como caso piloto para implementar e validar solucións innovadoras. Os avances logrados reflicten o traballo conxunto de todos os socios, sendo nunha etapa inicial CERNA e ITG os que lideraron a caracterización enerxética e a dixitalización.

Avances integrados en eficiencia enerxética e dixitalización

O proxecto permitiu unha radiografía completa do consumo enerxético en Puertas Betanzos, grazas á análise detallada realizada por CERNA. Este estudo abarca os principais ciclos produtivos (molduras, portas de chapa e taboleiros HPL/acrílicos) e sistemas auxiliares como compresores, aspiración e iluminación (100% LED). Os resultados mostran que a maquinaria representa o 78% do consumo enerxético, mentres que a calefacción e a iluminación supoñen o 22% restante, con picos excepcionais no inverno. CERNA propuxo medidas como a optimización da potencia contratada, o escalonamiento de maquinaria e a instalación de variadores de frecuencia, o que podería xerar aforros significativos na factura eléctrica e evitar penalizacións por exceso de potencia.

Paralelamente, ITG impulsou a dixitalización integral da planta mediante unha plataforma intelixente que monitoriza en tempo real os consumos enerxéticos. Utilizando dispositivos IoT de baixo custo, ITG recolle datos de equipos, medidores e o contador fiscal, integrándoos con información meteorolóxica e prezos do mercado eléctrico (ESIOS). Esta infraestrutura permite axustar dinámicamente a demanda enerxética, optimizando custos e mellorando a competitividade. Ademais, ITG está a desenvolver un modelo dixital da planta, simulado no seu laboratorio de Smart Grids con técnicas Software-in-the-Loop (SIL), para avaliar escenarios operativos e validar medidas de mellora enerxética propostas polo Consorcio.

A combinación destas solucións, caracterización enerxética precisa e xestión dixital avanzada, ofrece unha contorna unificada para a toma de decisións, cun punto de consulta centralizado que contextualiza datos de consumo, produción e mercado. Este enfoque, non só mellora a eficiencia e a fiabilidade da facturación en Puertas Betanzos, senón que tamén abre a porta á integración de fontes renovables, como instalacións fotovoltaicas, nun sistema de xestión enerxética integral.

Un impacto sectorial con mirada ao futuro

Os avances de ENERWOOD son o resultado da colaboración entre todos os socios, cuxa experiencia complementaria garante a replicabilidade das solucións noutras empresas do sector da madeira. A caracterización sectorial previa, xunto coas ferramentas dixitais e as medidas de eficiencia desenvolvidas, proporciona un modelo escalable para unha industria máis intelixente, sostible e conectada. Ao reducir o consumo enerxético, fomentar o uso de renovables e optimizar procesos, ENERWOOD contribúe a minimizar a pegada de carbono do sector, aliñándose cos obxectivos de sustentabilidade global.

Coa súa finalización, prevista para xuño de 2025, o proxecto está a sentar as bases para unha transformación estrutural da industria da madeira en Galicia. Os socios do proxecto reafirman, así, o seu compromiso coa innovación e a sustentabilidade, posicionando á madeira como un recurso estratéxico para un futuro máis verde.

O Proxecto está financiado polo Ministerio de Industria e Turismo, a través da Convocatoria de Agrupacións Empresariais Innovadores do ano 2024.

COMPARTIR