A presidenta do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), Josefa de León, e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández, firmaron esta mañá na sede da AAET un acordo de colaboración, no marco do proxecto IndusSym Coruña, para fomentar a simbiose industrial na Área Empresarial e Industrial da AAET.
IndusSym Coruña é un proxecto promovido por Viratec e cofinanciado pola Deputación da Coruña cuxo principal obxectivo é fomentar a simbiose industrial na provincia da Coruña, mediante a identificación de oportunidades e deseño de estratexias de intercambio de recursos entre empresas situadas nunha mesma área industrial.
A través desta iniciativa, o clúster ambiental, en colaboración coa AAET, impulsa a simbiose industrial contribuíndo a minimizar a xeración de residuos, optimizar o uso dos recursos e xerar beneficios ambientais, económicos e sociais. “Realizarase unha diagnose da Área Empresarial desta Asociación, que nos permitirá detectar oportunidades de colaboración, aportar solucións ambientais e deseñar plans específicos con estratexias efectivas para implementar a simbiose industrial, elemento clave da economía circular para axudar ás empresas na súa transición verde. Tamén haberá xornadas informativas para sensibilizar ao sector empresarial e á cidadanía sobre os beneficios da simbiose industrial”, destacou Josefa de León.
Pola súa banda, José Fernández, presidente da AAET sinalou que “desde a Asociación do Tambre estamos encantados de colaborar en todas aquelas iniciativas encamiñadas a mellorar a sostibilidade, a minimización e a recuperación de residuos na área empresarial. O noso obxectivo é camiñar cara unha área ‘cero residuos’, como xa lle propuxemos ao Concello nunha xuntanza sobre xestión de residuos industriais fai uns meses. A colaboración con Viratec permitiranos avanzar máis rápido e máis seguros nos fitos que supón para as empresas a economía circular, un camiño que, por outra banda, tamén está cheo de oportunidades”.
