O apoio ao emprendemento e a transferencia de coñecemento serán dúas das principais liñas de traballo de Viratec o vindeiro ano

Entrevista co presidente de Viratec, Iván José Vicente García, sobre os fitos do clúster en 2023 e as perspectivas para o vindeiro ano.

Entrevista co presidente de Viratec, Iván José Vicente García

  • Que aporta o sector ambiental, e en concreto Viratec, á industria e o tecido empresarial galego?

Gustaríame comezar destacando que dentro de Viratec atópanse as empresas que van ser capaces de desenvolver e implantar as solucións ambientais necesarias para os desafíos aos que se enfronta o tecido industrial, e poder así cumprir cos requisitos normativos e os obxectivos ao redor da transición climática.

Tamén hai que apuntar que Viratec aglutina ás universidades galegas e aos centros de coñecemento que están a centrar os seus esforzos en investigar para avanzar no coñecemento en materia ambiental e de circularidade. Estamos orgullosos desta integración do ámbito da empresa e do coñecemento, que é esencial para lograr obxectivos comúns e facilitar o camiño a través do traballo conxunto.

  • Como colabora Viratec coa Administración para facer fronte aos retos ambientais?

Nesta curta andaina, de apenas tres anos, o clúster estableceu contacto con todos os actores públicos con vinculación directa e indirecta co sector ambiental, e rapidamente desde a Administración consideróusenos como un ente fundamental para resolver os retos ambientais, xa que achegamos un valioso coñecemento neste campo. Mesmo cando nos reunimos con entidades que parecen non ter unha relación tan directa coa circularidade e a sostibilidade ambiental, atopamos puntos en común para poder apoiarnos mutuamente e crear relacións de valor para ambas as partes.

A nosa intención é que estas relacións se afiancen e continuar traballando en común con anticipación, tanto en traballos normativos como en actividades de divulgación ambiental. Ademais, gustaríanos contar co apoio da administración para fortalecer o polo de coñecemento ambiental galego, non só a nivel nacional senón tamén internacional.

  • Que factores marcaron o sector ambiental durante este ano, especialmente no ámbito galego?

Nos últimos tempos, estamos a asistir a un tsunami regulatorio en materia ambiental e de sostibilidade. No marco europeo, temos a taxonomía verde, propostas relativas á eficiencia enerxética, envases, pilas e baterías, etc.

En canto a residuos, no contexto galego aprobouse o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2023-2030 (Priga), que será a folla de ruta para fomentar a prevención na xeración de residuos e impulsar o seu correcto tratamento. Tamén é destacable a normativa europea pola que todos os territorios da UE deben garantir a recollida separada de residuos orgánicos antes de que termine o ano, o que obriga a implantar o quinto contedor, todo un reto na cadea de valor do sistema de recollidas de residuos.

A Xunta aprobou recentemente a Lei de recursos naturais de Galicia, que establece unha serie de mecanismos para que os froitos do aproveitamento dos recursos naturais revertan en Galicia e que incluirá tanto proxectos de enerxías renovables como a eólica terrestre e mariña, como aqueles que fagan un uso intensivo da auga, as iniciativas mineiras e as de biogás.

Tamén se atopa en tramitación a Lei do clima de Galicia, que previsiblemente se aprobará o próximo ano, e que establece a meta de alcanzar a neutralidade climática no ano 2040.

Esta abundante lexislación supón retos non só para as empresas, senón tamén para os concellos, que se enfrontan a escenarios novos e terán que implementar importantes cambios proximamente.

  • Cales foron os principais fitos e logros que alcanzou Viratec durante 2023?

En menos de tres anos, conseguimos duplicar o número de asociados, pechando este 2023 con máis de 80 entidades que facturan máis de 1000 millóns de euros e dan emprego directo a máis de 4000 persoas. Como dicía anteriormente, contamos coas tres universidades públicas galegas, centros tecnolóxicos e un centro de apoio á innovación tecnolóxica, e esta unión de empresa e coñecemento permitiunos conseguir un dos grandes logros deste ano: o recoñecemento por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo como Agrupación Empresarial Innovadora. Ademais, isto conlevou a adxudicación do primeiro proxecto no marco deste programa de apoio.

É unha satisfacción cada vez que os membros do clúster son capaces de establecer sinerxías e atopar oportunidades de colaboración, que se plasman en actividade económica e conleva crecemento e creación de emprego, sabendo ademais que todo isto se produce de forma que impacta positivamente no medio ambiente.

Finalmente, tamén quero mencionar a incorporación este ano de dous profesionais para reforzar o equipo humano de Viratec, xerando así emprego de forma interna, e para 2024, proxectamos crecemento neste sentido.

  • Durante este ano, Viratec incrementou notablemente o seu número de entidades asociadas. Cal é o perfil actual das organizacións que forman parte de Viratec?

Dentro de nosas máis de 80 entidades asociadas, as principais áreas que cubrimos en Viratec son augas, residuos, enerxía e solos, e de forma transversal, contamos con entidades expertas en enxeñería, consultoría e innovación aplicada a estas áreas.

  • Que iniciativas ten previstas o clúster para o próximo ano?

Froito do noso firme compromiso co emprendemento, os nosos principais proxectos están dedicados a acelerar e consolidar iniciativas ambientais e de circularidade que teñan capacidade de escalar e xerar impacto. Levamos tempo traballando nesta liña, xa que sabemos que desde Europa están a apoiarse estas iniciativas, e somos conscientes de que as zonas industriais galegas poden ser referentes en economía circular, polo que queremos potencialo e sacarlle o maior partido posible.

Sabendo que Viratec é un axente esencial nas políticas de sostibilidade e transición enerxética, marcámonos o labor de axudar na transferencia deste coñecemento e achegalo á industria. Así, traballaremos en diferentes foros de innovación ambiental e xornadas que poñan o foco non só a nivel galego, senón tamén nacional e internacional, para visibilizar a existencia na nosa comunidade dun importante polo ambiental e de desenvolvemento industrial sostible.

COMPARTIR