Nace o Ciclo de Conversas Viratec

A iniciativa busca favorecer puntos de encontro entre o coñecemento de persoas expertas en materias específicas e a experiencia e solucións desenvoltas polos socios de Viratec, dinamizando a xeración de propostas cara á transición sostible.

Mesa Redonda Conversas COP27

A xornada organizada por Viratec o pasado mes de novembro ao redor das claves da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP27) foi o xerme do novo ciclo de xornadas que pon en marcha o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular.

O obxectivo desta iniciativa é achegar o coñecemento de persoas expertas do ámbito da investigación e a innovación, a divulgación, as institucións e a empresa, así como a experiencia e solucións existentes no seo das entidades socias de Viratec, xerando puntos de encontro e favorecendo o nacemento de propostas que impulsen a transición da economía cara á sostibilidade, en e desde Galicia.

Con este fin, cada Conversa Viratec convidará a unha persoa experta na temática elixida para a xornada, seguido por unha mesa redonda integrada por representantes de entidades socias do Clúster e igualmente relacionados coa materia.

Se queres coñecer o tratado na primeira xornada do ciclo, entra aquí para ver a gravación íntegra da sesión, na que o relator convidado foi Xavier Fonseca, divulgador científico e xornalista de La Voz de Galicia, mentres que na mesa redonda participaron Luís Felipe Fernández, de Ecolagunas; Leticia Regueiro, de Medrar Solutions; Marcela Fernández, de Genesal Energy, e Antonio Pena, de Coregal.

COMPARTIR