Os talleres 4.0 organizados por Viratec chegan á súa recta final, con máis de vinte empresas participantes, tanto socias do clúster como empresas agroalimentarias e forestais de Galicia, que puideron coñecer as ferramentas e solucións máis avanzadas dispoñibles no mercado para mellorar a competitividade, optimizando os procesos de negocio e avanzando no camiño da economía circular.
Por unha banda, esta semana concluíu o obradoiro de dixitalización e rastrexabilidade do dato no sector dos residuos organizado por Viratec. A actividade consistiu en catro sesións grupais onde se exploraron diversas tecnoloxías e solucións dixitais, desde blockchain e sensórica ata firma electrónica. Tamén se exploraron diversas certificacións e normativas aplicables ao ámbito de actividade das empresas participantes, identificando solucións dixitais de soporte aos procesos de certificación.
Como conclusión, celebrouse unha sesión de traballo entre as empresas para identificar potenciais ideas de proxectos colaborativos, co obxectivo de resolver retos globais do ecosistema xerado en torno ao clúster Viratec, con alto impacto na sociedade galega.
Doutra banda, o 23 de maio terá lugar un evento ‘Think Tank’ co que se concluirá outro bloque de talleres dirixido ás empresas do sector ambiental en xeral. Entre as participantes deste bloque xa xurdiron varios proxectos colaborativos que se presentarán ás próximas convocatorias de axudas e onde Viratec seguirá xogando un papel importante como eixo vertebrador destas iniciativas.
Desde Viratec damos as grazas ás empresas participantes pola súa dispoñibilidade e xenerosidade nas propostas, e esperamos ter achegada información de valor ao longo destes talleres que contaron co apoio da Xunta de Galicia a través do Igape. Tamén agradecemos ás empresas colaboradoras todo o coñecemento compartido.