Iván José Vicente, de Viaqua, releva ao seu compañeiro Marcos Martín na presidencia de Viratec

O novo presidente é enxeñeiro químico e leva preto de 20 anos no Grupo Agbar, ao que pertence Viaqua. Antes de chegar a Galicia, ocupaba o posto de director xeral na delegación da compañía en Estremadura.

Iván José Vicente, de Viaqua, releva ao seu compañeiro Marcos Martín na presidencia de Viratec

Iván José Vicente foi designado por Viaqua como director xeral da empresa e representante da compañía á fronte da presidencia de Viratec, tras o cambio de posto de Marcos Martín á zona de Andalucía do grupo Agbar. Este novo destino obriga ao ata o de agora presidente a trasladarse á capital hispalense.

Iván José Vicente é enxeñeiro químico e leva preto de 20 anos no Grupo Agbar, ao que pertence Viaqua. Antes de chegar a Galicia, ocupaba o posto de director xeral na delegación da compañía en Estremadura.

Marcos Martín permaneceu á fronte do Clúster durante dous anos ata a súa substitución. Martín mantívose no cargo e en contacto coa xunta directiva para favorecer o traspaso de funcións ao seu substituto. Coincidindo coa época do Nadal, Marcos Martín comunicou a súa substitución á xunta directiva e a xerencia, e presentou ao seu substituto á fronte da presidencia de Viratec. No encontro Martín tivo palabras de agradecemento para os directivos, os membros das distintas comisións da organización e os asociados do Clúster, reafirmándose no seu convencemento de que a entidade terá un papel decisivo no tecido produtivo e na economía de Galicia.

Pola súa banda, Iván José Vicente accede ao cargo en representación de Viaqua co obxectivo de progresar no itinerario establecido na estratexia da entidade, forxando alianzas e favorecendo as relacións entre os socios para consolidar o sector ambiental e de economía circular de Galicia. Sobre a mesa está a organización da próxima Asemblea Xeral de socios, cuxa convocatoria se anunciará en breve.

A presidencia de Viratec continúa sendo ocupada por Viaqua, dado que é o asociado que resultou elixido nas eleccións, encabezando unha candidatura na que figuran outras cinco sociedades e organizacións membro. Os cargos directivos de Viratec son ocupados polas empresas ou entidades asociadas ao Clúster, de forma que estas son quen nomea ao seu representante na directiva.

Tras a incorporación de Iván José Vicente, o equipo de goberno da entidade mantense sen cambios e coas atribucións que cada directivo viña mantendo no seu desempeño.

COMPARTIR