Innovación e sostibilidade medioambiental na industria desde e para Galicia

A industria galega segue avanzando na innovación sostible para mitigar o cambio climático. Este enfoque enmarcou a primeira edición do Foro Viratec de Innovación Sostible, organizado polo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, que se celebrou esta mañá, na Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela.

O vicepresidente de Viratec, José Ramón Vázquez, destacou o compromiso das empresas e organizacións coa responsabilidade social e ambiental.  “A innovación é un eixo que se sitúa no centro das solucións ambientais. Non deixa de ser una disciplina que suma a ciencia e a humanística, onde os resultados, os razoamentos, os erros e os acertos abren camiño ante os retos que nos presenta o futuro”.

Non obstante, nesta busca de solucións innovadoras, Vázquez, quixo reivindicar a necesidade de “xerar sinerxías entre a Administración, as empresas e as universidades para lograr unha industria galega sostible”.

Este encontro contou coa presenza de académicos de universidades españolas e representantes de empresas de recoñecido prestixio, que abordaron os retos ambientais, principalmente no ámbito da auga e dos residuos orgánicos, destacando o papel da innovación na industria.

Retos ambientais no ámbito da auga

Os desafíos aos que se afronta o ámbito da auga foron tratados nesta xornada tanto desde a visión académica como empresarial. O catedrático de Enxeñería Química da Universidad de Girona e investigador do grupo Lequia, Manuel Poch, afondou na problemática da evolución do ciclo integral da auga nas cidades.

A continuación, tivo lugar unha mesa redonda na que participaron Gonzalo Mosquera, xerente de Augas de Galicia, Jordi Delgado, catedrático de Enxeñería de Camiños, Cales y Portos da cátedra Emalcsa da Universidade da Coruña (UDC), e José Ramón Vázquez, xefe do departamento Comercial da Zona Norte de Aqualia Industrial, que presentaron as diferentes alternativas tecnolóxicas coas que traballan para intentar lograr un abastecemento e saneamento da auga sostibles. Destacaron que se está traballar na  sensorización para lograr a eficacia e eficiencia do ciclo integral da auga, pese a complexidade que supón a recompilacióndeste gran volume de datos que axudará a garantir a viabilidade económica dos servizos de augas.

As rutinas diarias, como abrir o billa ou tirar de cisterna, e o desperdicio da auga son outros desafíos aos que se enfronta este ámbito. Estes expertos consideran necesario impulsar accións divulgativas para concienciar a sociedade.

Retos e oportunidades no ámbito dos residuos orgánicos

A segunda mesa redonda deste Foro centrouse nos retos e oportunidades da dixestión anaerobia dos residuos orgánicos. A responsable da área de Bionerxía de Energylab, Mónica Figueroa; a responsable de Bioenerxía e Gases Renovables en Norvento Enerxía, Helena Peñas; e a responsable de Desenvolvemento de Negocio de Biometano de Nortegás Renovable, Ángela Rodríguez, explicaron os proxectos nos que están inmersas reutilizando os residuos para a produción de biogás e biometano.

Abordáronse tamén as problemáticas sociais relacionadas coa implementación de plantas e temas lexislativos.

Apoio da Administración

O acto de apertura contou coa presencia da  conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen anunciou unha ronda de contactos cos principais sectores implicados no marco da elaboración da lei de administracion ambiental simplificada, e subliñou que o primeiro encontro será co Clúster Viratec porque “vós sodes a solución aos desafíos do medio ambiente. É preciso chegar a puntos en común ante os retos que se nos presentan en ámbitos como o das enerxías renovables, a auga ou o novo marco normativo”.

Durante a xornada tamén participou a subdirectora xeral de Cambio Climático e da Ordenación do Litoral, Teresa Bernal, quen explicou o novo marco legal autonómico en materia ambiental.

I edición Premios Viratec

Durante a celebración deste Foro, tamén tivo lugar a primeira edición dos ‘Premios Viratec’, que recoñeceu as tres mellores iniciativas de innovación e investigación desenvolvidas durante os anos 2023 e 2024 polas entidades asociadas ao Clúster. Os galardoados foron:  Viaqua, na categoría Gran/mediana Empresa, co seu proxecto “Transformando as plantas de depuración en ecofactorías: cara a circularidade no ciclo integral da auga”; Wim Studio, na categoría Pequena Empresa, con “Recycled Textil Stone”; e Cretus, na categoria Centros de coñecemento, con “Pretenacc”.

COMPARTIR