Falamos con Víctor Roca, xerente de Roca Roibas, para coñecer máis sobre a compañía: orixe, actividades e expectativas do sector.
Roca Roibas é unha empresa familiar con dous departamentos ben diferenciados: “por unha banda, desde o Departamento Comercial levamos a representación para Galicia de distintos fabricantes de instrumentación de proceso, como medidas de caudal, presión, temperatura, nivel, análise de augas etc.; e por outro, o Técnico, que nos permite completar os servizos demandados pola industria dando solucións a través da instalación eléctrica, a automatización e control”, explica Víctor Roca.

- Roca Roibas fundouse no ano 1982. Como foi a evolución tanto da empresa como do sector durante este tempo?
Roca Roibas naceu como unha empresa dedicada á subministración de compoñentes industriais, centrada no sector do metal e a petroquímica.
Na metade dos anos 90 chegamos a acordos con fabricantes de instrumentación de proceso, e centramos a nosa actividade neste nicho de mercado.
Chegou o século XXI e creamos unha oficina técnica, comezando a súa actividade coa programación de autómatas para finalmente amplialo creando un taller eléctrico e un laboratorio de calibración.
Referente ao sector, a evolución cara á automatización de procesos é bastante clara. Considero a Industria 4.0 como un catalizador fundamental que leva ás empresas para ser cada vez máis eficientes e sostibles, tomando a monitorización de procesos, a recompilación de datos e o mantemento preventivo como piares nos que apoiarse para conseguir os seus obxectivos.
- Cales son os principais servizos que ofrecen?
Ofrecemos servizos de distribución de instrumentación de proceso; programación de autómatas, pantallas táctiles e SCADA (Supervisory Control and Data Acquisition); fabricación de armarios eléctricos de baixa tensión; instalación eléctrica de baixa tensión; e calibración de elementos primarios de control: temperatura, presión, analítica de augas e caudal.
- A compañía traballa con entidades de diferentes ámbitos e zonas xeográficas. Podería mencionar algúns destes ámbitos e os proxectos nos que están implicados?
En Roca Roibas estamos implicados na automatización de plantas de depuración de augas; na fabricación da caixa de control para cálculo de par de aperte para aeroxeradores; e no PERTE de dixitalización do ciclo da auga.
- Que proxectos desenvolven no ámbito da sostibilidade ambiental e a economía circular?
Traballamos para enxeñerías ambientais, xestores de residuos e fabricantes de maquinaria que son os que desenvolven proxectos de sostibilidade e economía circular. Nós colaboramos desde a venda de instrumentación e o desenvolvemento da automatización do proceso.
- Como pode a tecnoloxía impulsar a descarbonización e a transición ecolóxica?
A tecnoloxía será a que nos leve á xeración de biocombustibles para a automoción, aeronáutica e o sector naval. Permitiranos substituír a nivel industrial un mineral tan actualmente necesario e contaminante como o carbón.
Grazas á tecnoloxía seremos capaces de desenvolver procesos máis eficientes con menos consumo de enerxía, e seguiremos impulsando as enerxías verdes ata facelas rendibles en todos os ámbitos e sectores.
- Na súa opinión, cales son os principais retos da industria en Galicia?
Os retos son varios. Podo enumerar algúns deles:
– Vencer a oposición dun sector da sociedade contrario a calquera tipo de proxecto industrial.
– Conseguir o marco administrativo e social adecuado para atraer investimentos industriais.
– Lograr reter o talento.
– Poñer o foco na sustentabilidade da industria, e facer que todos os investimentos necesarios sexan rendibles a curto prazo.
- Como socios de Viratec desde os seus inicios, que lles achega formar parte do clúster? E en que tipo de iniciativas promovidas o clúster podería colaborar Roca Roibas coa súa experiencia e especialización?
O principal valor que nos achega o pertencer a Viratec é o lograr unha serie de sinerxias empresariais que serían doutra maneira moi complicadas de conseguir. Tamén nos permite estar ao tanto de proxectos e iniciativas ambientais, nas que a nosa participación permítanos achegar algún valor engadido.
Roca Roibas podería achegar valor grazas a todos os contactos que temos no sector primario e secundario. Presentando a Viratec aos clientes cos que traballamos.