Estratexia, economía circular e novas oportunidades e modelos de negocio no primeiro foro sobre sostibilidade organizado por APD en Galicia

Entidades socias de Viratec como Agroamb, Tevalcor e Vertex Bioenergy participaron no encontro inaugurado polo vicepresidente primeiro do Goberno galego.

A sostibilidade afecta ás persoas, á sociedade e ás empresas, no caso destas últimas de forma específica aos seus investimentos e o seu financiamento. A isto súmase a realidade das novas normativas europeas, que no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas fan da sostibilidade e a economía circular unha meta para toda compañía.

Con este pano de fondo, a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) organizou en Santiago de Compostela o I Foro de Sustentabilidade de Galicia, enmarcado no programa Capacita Directivos que impulsa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A organización do acto contou coa colaboración da Xunta e do Círculo de Empresarios de Galicia.

O Clúster Galego de Economía Circular e Solucións Ambientais tivo protagonismo no Foro grazas á participación de tres entidades asociadas -Tevalcor, Agroamb e Vertex Bioenergy- e da propia xerente de Viratec. Así, o CEO de Tevalcor, Gonzalo Varela Reiriz, falou sobre sostibilidade e estratexia a longo prazo no panel “Como incorporar a sostibilidade na folla de ruta da empresa”.

“A tecnoloxía facilítanos traballar na senda da redución dos residuos en fábrica. En Tevalcor, a través da nosa plataforma TOR, ofrecemos as solucións dispoñibles no mercado para as necesidades da industria e facémolo cunha visión global. Porque o noso valor é o coñecemento”, subliñou Varela.

Investimento en sustentabilidade para o futuro do tecido empresarial

Pola súa banda, a directora de Competitividade estratéxica de Agroamb, Josefa de León, e o director de Calidade, Medio Ambiente e Sustentabilidade de Vertex Bioenergy, Antonio López-Perales, trasladaron a súa perspectiva da situación no panel “Novas oportunidades e modelos de negocio explicados pola aparición da sustentabilidade como criterio de investimento”, cuxa moderación correu a cargo da xerente de Viratec, Ana Botas.

De León, que durante a súa presentación lembrou o Premio Europeo de Medio Ambiente recibido por Agroamb en recoñecemento ao seu desempeño en desenvolvemento sostible, subliñou o “firme propósito social” do seu Grupo, unha visión que materializan “afianzando o desempeño económico e a través dunha gobernanza adecuada, innovando para seguir vivindo no rural con calidade”.

Neste sentido, preguntada sobre dixitalización, a tamén vicepresidenta de Viratec fixo fincapé en que “a transformación dixital é un aliado necesario”. “En Agroamb -proseguiu- participamos nun programa piloto de 5G no rural, o cal nos facilita o teletraballo e a conciliación, a conexión co mercado, pero tamén o desenvolvemento de técnicas como o poder controlar en remoto as necesidades de rega das nosas plantacións de millo, xestionando a auga de forma responsable”.

Desde Vertex Bioenergy, que persegue o obxectivo de alcanzar cero emisións en 2050, o seu director de Calidade, Medio Ambiente e Sustentabilidade explicou que a compañía ten “un papel destacado na descarbonización”. Así, a modo de exemplo, López-Perales indicou que “a regulación establece que os carburantes de automoción deben contar cunha achega de bioetanol” e que, actualmente, “aproximadamente o 5% da gasolina contén etanol de proveedores como Vertex”.

Impulso institucional á economía circular

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, foi o encargado de inaugurar o Foro, no que destacou que “o novo modelo industrial ao que aspira Galicia ten como fonte de inspiración o coñecemento, a innovación, a sostibilidade e o talento”.

Durante a súa intervención, Conde subliñou que a sostibilidade xa supón unha vantaxe competitiva e un novo reto para as empresas, que deben afrontar a transición ecolóxica como unha oportunidade para o crecemento sostible. Nese sentido, concluíu, o Goberno galego “vai poñer en marcha este ano unha nova liña de axudas para apoiar o desenvolvemento de proxectos de economía circular, optimización de recursos e materias primas e aproveitamento de residuos”.

 

COMPARTIR