Viratec retomou este 10 de abril na Coruña o ciclo Conversas de 10, centrado nesta ocasión na divulgación ambiental. O evento, que contou coa colaboración de Emalcsa, celebrouse na súa sede, no Edificio de Casa da auga, e tamén se emitiu vía streaming.
A xornada comezou cunha entrevista a Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, da man de Noemí Bellas, directora de Líbolis. Nela abordáronse algúns dos retos que afronta o sector de auga urbana, entre eles, a necesidade de optimizar este recurso “aínda que na Coruña non hai un problema de cantidade, non hai un problema derivado do cambio climático, pero o que si é certo é que cada gota de auga que extraemos da natureza, non deixa de ser un préstamo da natureza cara ás necesidades que teñen os seres humanos”.
Vázquez destacou que para Emalcsa a divulgación ambiental é “a ferramenta máis potente que temos para mellorar a relación dos cidadáns co medio ambiente”. Por iso é importante ter un bo programa de divulgación, o cal debe ser continuo no tempo, ter unha mensaxe coherente e ser útil.
No encontro tamén se abordou o programa Coawa, un proxecto impulsado pola Cátedra Emalcsa-UDC, e que naceu, segundo indicou Vázquez, “co propósito de establecer unha liña de comunicación transversal entre todos os concellos que participan do sistema de auga urbana” para que o “400 mil habitantes que compoñen este sistema teñan unha información real e veraz de cal é a situación o seu sistema de abastecemento”. Esta rede confórmana oito concellos: A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
O obxectivo deste programa é “conectar emocionalmente á poboación coa súa contorna”, destacou o responsable de innovación de Emalcsa. Para iso, realizan varias actividades, como talleres de divulgación ambiental na contorna escolar, entre moitas outras iniciativas.
A continuación, tivo lugar unha mesa redonda moderada tamén por Noemí Bellas, na que participaron Pedro Tasende, director de Aporta Comunicacion; Antía Fernández, consultora de márketing e comunicación de InTheMove; e Rodrigo López, cofundador de Permae Ser.
Grazas á participación destes tres representantes de entidades asociadas a Viratec, quedou de manifesto a necesidade de boas prácticas para promover un impacto positivo tanto a nivel ambiental como social.
Tasende, Fernández e López destacaron que comunicación e divulgación ambiental van da man, unha depende da outra. Para que sexan efectivas as campañas de sustentabilidade, son necesarias as alianzas, facendo referencia ao coñecido obxectivo 17 da Axenda 2030.
Finalmente, explicaron algúns dos seus proxectos e iniciativas co fin de concienciar á sociedade sobre a importancia da natureza. Para iso, os tres relatores coincidían na importancia de darlle relevancia ao problema e achegarllo á cidadanía mediante campañas de divulgación de ámbito local.
Conversas de 10 é un proxecto do clúster que busca favorecer o coñecemento e a divulgación sobre economía circular e solucións ambientais, co fin de impulsar a transición da economía cara á sustentabilidade, en e desde Galicia. Cada edición deste evento celébrase nunha localidade galega, para achegarse así ás diferentes entidades socias e ao sector ambiental da comunidade.
A xornada “A circularidade no sector primario” do Ciclo Conversas de 10 está dispoñible na nosa canle de Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=yjyZrxQyT_M