Depoinnova é un programa de compra pública de innovación que a Deputación de Pontevedra espera cofinanciar con fondos europeos a través do Ministerio de Ciencia e Innovación e do PERTE de Dixitalización do ciclo da auga integrado no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Para promover a innovación como a ferramenta clave de desenvolvemento da provincia, a execución do proxecto contará co instrumento de compra pública de innovación (CPI).
Co obxectivo de coñecer as diferentes propostas para responder aos devanditos desafíos, a Deputación convocou un proceso de consulta preliminar ao mercado que finaliza o próximo 28 de setembro e que pon sobre a mesa ata seis retos aos que dar resposta:
- Dixitalización do ciclo urbano da auga para mellorar a súa xestión nos núcleos de menor poboación.
- Xestión de residuos e economía circular co obxectivo final de revalorizar os subprodutos.
- Xestión integral de infraestruturas provinciais para lograr un crecemento inclusivo e sostible en relación directa cos ODS e as metas do Acordo de París.
- Dixitalización da Administración pública provincial para favorecer a aliñación de Pontevedra coa Axenda España Dixital 2025 e o Plan de dixitalización das administracións públicas 2021-2025.
- Programas sociais e de emprego froito do coñecemento das necesidades reais dos concellos e do tecido produtivo e asociativo.
- Xestión integrada de coleccións e edificios do Museo de Pontevedra do século XXI e xeración de contornas virtuais que contribúan á mellora da experiencia do visitante.