Declaración Institucional de Viratec polo Día Mundial do Medio Ambiente

Día Mundial do Medio Ambiente 2025: Sen Contaminación Por Plásticos

Hoxe, como cada 5 de xuño, desde Viratec reafirmamos o noso compromiso cun futuro sostible. Compartimos convosco a nosa declaración institucional para conmemorar este día tan sinalado para o Clúster.

MANIFESTO VIRATEC DIA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE 2025

Como cada 5 de xuño, reafirmamos o noso compromiso coa innovación ambiental, a transferencia de coñecemento e a colaboración multisectorial e público-privada, como piares esenciais para acelerar a transición xusta cara modelos circulares.

Neste día Mundial do Medio Ambiente, Nacións Unidas pon o foco na redución de contaminación por plásticos, un material que está en tódolos recunchos do planeta. A súa produción aumentou exponencialmente nas últimas décadas. Segundo datos do Programa da ONU para o Medio Ambiente para 2021, cada ano prodúcense 400 millóns de toneladas de plástico, dos cales o 12 % é incinerado, o 9 % recíclase e o restante acaba vertido na natureza.

A contaminación plástica é un problema que afecta ao equilibrio dos ecosistemas naturais, compromete a saúde da sociedade e pon en xaque as economías locais. Desde Viratec alzamos a voz para confirmar que non estamos en contra dos plásticos, pois recoñecemos o seu valor técnico e funcional en múltiples sectores, pero si estamos en contra de que non se fomente unha mellora na súa valorización mediante metodoloxías circulares ou outras políticas.

Ante este panorama, é necesario que se cambien as prácticas habituais e se tomen medidas: Apostar por un enfoque técnico, colaborativo e transformador é o primeiro paso. O ecodeseño, a simbiose industrial, a transferencia de coñecemento, a capacitación técnica, a trazabilidade e valorización do residuo é fundamental para que haxa un cambio.

Desde Viratec ofrecémonos a traballar conxuntamente coa industria doutros sectores, coa Administración Pública e coa sociedade como grupo experto en materia ambiental, pois dentro da nosa agrupación contamos con entidades empresariais, terceiro sector, centros tecnolóxicos e universidades galegas. Apostamos pola investigación e innovación, promovemos modelos de negocio circulares e traballamos cada día por construír solucións reais, escalables e transformadoras para darlle resposta aos grandes retos ambientais actuais e prever os do futuro.

Unha tarefa que levamos facendo dende hai 5 anos, pois a finais de 2025 é o noso aniversario. Na nosa orixe marcámonos como obxectivo ser o referente do sector ambiental na comunidade e podemos reafirmarnos como un colectivo experto neste ámbito.

Nesta liña destaca a posta en marcha, no ano 2024, da nosa aceleradora ambiental, Business Factory ClimaTech, en colaboración coa Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é desenvolver tecnoloxías que teñan un impacto positivo na contorna mediante o apoio a proxectos de emprendemento relacionados coa sostibilidade, a economía circular e con solucións para mitigar o cambio climático.

Facer crecer o sector ambiental, mellorar a competitividade das empresas e contribuír á transformación dos sectores produtivos cara a un modelo sostible son os piares da nosa misión. Cumprir con estes obxectivos só e posible co voso apoio, o da sociedade e o dos nosos asociados.

Por iso, queremos resaltar nun día coma hoxe, o voso gran labor, pois sodes un claro reflexo do talento galego, pois investides os vosos recursos a favor do medio ambiente, desenvolvendo proxectos baixo uns criterios científico-técnicos e apostando pola innovación.

Estando unidos, poderemos desenvolver novos proxectos máis ambiciosos, con maior alcance e apoio financeiro para acelerar a transición verde.

Desde Viratec seguiremos traballando para lograr unha industria sostible e  comprometida co coidado e preservación do medio ambiente. É o noso deber apoiar a transición cara un modelo de economía máis competitivo, aliñado co reto de conciliar actividades produtivas exitosas, en equilibrio cos límites do planeta.

Ver declaración aquí

COMPARTIR