Impulsar o crecemento das empresas do interior de Lugo mediante a innovación, a transformación dixital e a sustentabilidade foi “a idea romántica” que moveu aos seus fundadores a crear a consultora Medrar Smart Solutions, situada en Vilalba. Tratábase de aproveitar o baleiro existente á hora de conectar ás empresas de contornas rurais coas liñas de axuda, ademais do acceso ao coñecemento e ao talento. Unha idea inicial que segue vixente, aínda que creceu o ámbito territorial e o alcance dos proxectos, asegura nesta entrevista Leticia Regueiro, directora de Sustentabilidade e Economía Circular da consultora vilalbesa.
A orixe xeográfica explica a alta especialización de Medrar no sector agrotech, con cuxas empresas desenvolve proxectos de alto valor apoiados en liñas de axuda tanto de carácter local ou autonómico como europeo. Desde a consultora ven a Viratec coma un “faro” que axuda ás empresas para identificar aliados cos que embarcarse en proxectos que dificilmente poderían levar a cabo en solitario.
– Como se compite no sector da consultoría empresarial desde unha pequena localidade do interior de Galicia?
É un reto precioso porque nos esixiu estar sempre ao maior nivel de rendemento e crear proxectos gañadores xa que non temos grandes polos empresariais preto nin acceso fácil a novas incorporacións de talento, e isto limítanos a marxe de erro. Por sorte fomos creando un bo equipo que nos permitiu superar as trabas de traballar desde Vilalba e Lugo, converténdoas nun sinal de identidade.
– Que move ás empresas para chamar á porta de Medrar e cales son as claves para que o proceso de consultoría chegue a bo termo?
Case mellor preguntarllo aos clientes! (ri). Creo que moitas das empresas que nos chaman ven en nós unha consultora diferente, próxima e honesta na que se poden apoiar para superar os seus retos a través da innovación e a circularidade. As claves para chegar a bo termo son sinxelas e ao alcance de calquera: confianza mutua e máximo interese por xerar proxectos alto de impacto.
– Que barreiras detectan no tecido empresarial galego para avanzar nos retos da sustentabilidade e a innovación tecnolóxica, e como superalas?
Esta pregunta é a clave e adoita saír en todos os foros de debate do sector, nos que xente que sabe moito máis que nós aseguran que o pequeno tamaño das empresas ou a escasa transferencia de coñecemento son barreiras que debemos superar. Pola nosa banda, humildemente tamén cremos que se debería ter máis en conta cales son as necesidades reais das pemes e con que ferramentas poden traballar. Dito doutra maneira: hai que “baixar ao terreo”, á súa realidade e problemas do día a día, e desde aí buscar solucións aplicables e pragmáticas.
Engadiría ademais que hai demasiados freos internos nas empresas e que só a través do cambio de mentalidade e cultura poderémolo afrontar con éxito. Recentemente, nunha sesión dos talleres que organizamos en Viratec pedín aos asistentes que nos dixesen unha ou dúas palabras que relacionasen con “economía circular e sustentabilidade”, e máis dun dixo “impostos”. Temos que axudar a que as empresas entendan que a sustentabilidade é unha oportunidade de negocio, non meramente unha traba que cumprir.
– Atopades interese nas empresas galegas por participar en proxectos europeos ao amparo de organizacións coma Viratec?
Si, estamos a atoparnos que as empresas buscan o efecto faro da agrupación industrial para chegar a proxectos máis potentes, e que necesitan apoio tanto na ideación como na procura de socios e partners. O traballo de Viratec nese sentido creo que xa está a dar os primeiros froitos e espero que só sexa o comezo.
– En calidade de membros de Viratec, que oportunidades e ameazas detectades no sector ambiental galego no curto e medio prazo, e con iso na competitividade da nosa economía?
Desde o meu punto de vista as oportunidades virán da confluencia das liñas de dixitalización e sustentabilidade, xa que van da man e serán os dous piares sobre os que deberá sustentarse unha nova industria con maior eficiencia, valor engadido e rastrexabilidade, que redundará no beneficio da sociedade. As ameazas veñen de que o día a día das empresas cómese os recursos humanos -un asunto cada día máis delicado na nosa rexión- nos problemas do presente e non no importante, que é transformarse para o futuro. As propias empresas, sobre todo os seus cadros directivos, deben dedicar o tempo preciso á transformación dos seus negocios, e aí é onde o sector ambiental galego ten moito que dicir, convertendo esta ameaza en oportunidade a longo prazo.
– Na era da sustentabilidade como ves posible unha contribución común desde o clúster nas liñas social, económica e ambiental?
As empresas de Viratec xa teñen integrado no seu ADN o enfoque ambiental pola súa propia actividade e deben servir como faro a nivel local a outros sectores crave en Galicia como o agroalimentario, o forestal, o biotecnolóxico ou outros para avanzar sempre en prol de iniciativas e modelos sostibles nas tres patas da sustentabilidade. Non hai que pensar só en sustentabilidade baixo un enfoque reactivo, actuando só cando os cambios inflúen no beneficio económico da empresa a curto prazo. E, como recentemente indicou o experto en innovación Xavier Marcet na súa recente visita a Lugo, hai que poñer o futuro na axenda do presente e integrar a sustentabilidade no núcleo das empresas galegas, aínda que os froitos non sexan inmediatos.
O paso seguinte é comprometerse co ODS 17, forxando alianzas a nivel local para afrontar os retos globais. Desde o clúster podemos identificar os intereses dos principais colaboradores do ecosistema galego, e achegar a tecnoloxía dixital, os procesos e coñecementos, xerando confianza a través da honestidade. Así fomentamos unha cultura sostible no ecosistema galego, que acepte a colaboración máis aló das individualidades institucionais tradicionais.