Convocadas as axudas do MITECO para o impulso da economía circular nas empresas

As axudas, por valor de 192 millóns de euros, enmárcanse na liña 2 do PERTE de Economía Circular aprobado polo Consello de Ministros o 8 de marzo de 2022, dirixida a actuacións transversais para o impulso da economía circular nas empresas.

Convocatoria Ayudas MITECO Economia Circular

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) convocou  axudas por valor de 192 millóns de euros para impulsar os proxectos de economía circular nas empresas, no marco do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica (PERTE) en Economía Circular.

O prazo de presentación de propostas finaliza o próximo 21 de xaneiro de 2023 e o prazo de execución é ata o 31 de decembro de 2025.

Segundo a orde publicada no BOE o 7 de decembro, serán subvencionables en réxime de concorrencia competitiva as seguintes categorías: Redución do consumo de materias primas virxes, Ecodeseño e posta no mercado de produtos realizados baixo esquemas de ecodeseño, Mellora da xestión de residuos e Transformación dixital de procesos que permita mellorar a trazabilidade de produtos e os seus residuos, favorezan a eficiencia do uso dos recursos ou reduza a xeración de residuos.

A axuda máxima por proxecto é de 10 millóns de euros e admitiranse un máximo de dúas solicitudes por entidade, ben sexan en forma individual ou agrupada. As entidades beneficiarias poderán recibir un anticipo da axuda e quedan obrigadas a constituír unha garantía cuxo importe cubra polo menos o 5 % dese anticipo.

A puntuación máxima por proposta é de 100 puntos, dos cales 30 serán referentes á entidade ou agrupación solicitante (puntuación mínima: 15 puntos) e 70 puntos  referentes á valoración do proxecto (puntuación mínima: 35 puntos).

Esta convocatoria enmárcase na liña 2 do PERTE aprobado polo Consello de Ministros o 8 de marzo de 2022, dirixida a actuacións transversais para o impulso da economía circular nas empresas, e será financiada cos fondos «Next Generation» segundo o disposto no Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR).

COMPARTIR