Asociados de Viratec visitaron a planta de Bioetanol Galicia, do grupo Vertex Bioenergy

Unha trintena de representantes de empresas asociadas a Viratec visitaron o pasado venres 15 de setembro as instalacións de Bioetanol Galicia en Teixeiro, pertencente ao grupo Vertex Bioenergy.

Viratec visita Bioetanol Galicia

Unha trintena de representantes de empresas asociadas a Viratec visitaron o pasado venres 15 de setembro as instalacións de Bioetanol Galicia en Teixeiro, pertencente ao grupo Vertex Bioenergy. A actividade enmarcouse  na programación anual que Viratec ofrece ás súas entidades asociadas, coa finalidade de afondar na actividade que realizan e potenciar as relacións entre as mesmas.

Vertex Bioenergy é líder na produción de bioetanol en España e Francia, e tamén produce outros produtos como pensos para a alimentación animal, electricidade, CO2 capturado e aceite de millo. Bioetanol Galicia é a primeira empresa química en facturación da provincia da Coruña, cun volume de 264 millóns de euros no ano 2022, e emprega a 110 traballadores de  xeito directo e a máis de 500 de xeito indirecto.

Na xornada, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións e o proceso produtivo que desenvolve na planta de Teixeiro, nunha visita na que tamén participou o alcalde de Curtis, Javier Caínzos.

O evento comezou coa intervención de Antonio Vallespir, CEO de Vertex Bioenergy, que subliñou  que “actualmente o bioetanol é a ferramenta máis eficaz da que dispón España para  descarbonizar o sector do transporte sen necesidade de realizar fortes investimentos no desenvolvemento de novas infraestruturas de subministración”. “Reducimos as emisións dos gases de efecto invernadoiro nun 75 % en comparación coa gasolina e producimos unha proteína concentrada de excelente calidade para alimentación animal que noutro caso deberíamos importar. Os nosos obxectivos son dar solucións limpas ao transporte, favorecendo a independencia enerxética e alimentaria e aproveitando os recursos dos que dispón o noso país”, asegurou o directivo.

O director de planta, Noé Pestonit; o director de Calidade, Medio Ambiente e Sostibilidade de  Vertex, Antonio López-Perales; e a técnica de Desenvolvemento de Negocio e Enxeñaría, Margarita López, foron os encargados de presentar a compañía e achegar os principais fitos da fábrica. Pola súa banda, José Ramón Freire, director xeral da Asociación Española de Bioetanol (Bio-E), puxo de manifesto a importancia do biorrefino como unha fortaleza para a modernización das contornas rurais e o aproveitamento das superficies agrarias útiles, hoxe baleiras.

Bioetanol Galicia é unha das case oitenta entidades asociadas a Viratec que representan as múltiples áreas de coñecemento vinculadas á economía circular en Galicia e que traballan polo desenvolvemento sostible.

Etiquetas: bioetanol, energía, socios Viratec, Vertex Bioenergy

COMPARTIR