As feiras Enerxétika e ExpoMunicipal alíanse con Viratec

A feira da enerxía Enerxétika e a de servizos municipais ExpoMunicipal, que se celebrarán de forma paralela do 11 ao 13 de abril na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda, aliáronse con Viratec.

A feira da enerxía Enerxétika e a de servizos municipais ExpoMunicipal, que se celebrarán de forma paralela do 11 ao 13 de abril na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda, aliáronse con Viratec coa finalidade de facer que as feiras sexan un foro atractivo para o sector ambiental, dando resposta aos intereses e inquietudes específicas dos seus profesionais e empresas.

Enerxétika levará a cabo a súa cuarta edición, ofrecendo unha plataforma única onde interaccionar, intercambiar experiencias, poñer en valor o I+D+i no ámbito da enerxía e medir os numerosos cambios que está experimentado nun momento de transición como o actual. Pola súa banda, ExpoMunicipal ponse en marcha este ano para ofrecer solucións aos municipios e entidades territoriais ante o actual escenario social, o cal esixe cidades máis sostibles, eficientes, accesibles, seguras e verdes.

A implicación de Viratec resulta de gran interese para Enerxétika e ExpoMunicipal, supoñendo unha importante achega tanto no seu deseño como no seu desenvolvemento, xa que o clúster aglutina ás principais empresas e entidades galegas do sector ambiental, e pon ao dispor dos certames a súa experiencia e as súas capacidades como punto de unión coa industria e a administración.

Así, Viratec colaborará na organización do certame e o seu programa de actividades, proporcionando o seu extenso coñecemento do sector, e tamén contará cun espazo expositivo na feira, a cal ofrecerá condicións vantaxosas ás súas entidades asociadas para participar como expositores nesta edición.

COMPARTIR